“O Concello non ten responsabilidade sobre o peirao afundido en O Marisquiño” recalcan os técnicos municipais

Publicado por o día 22/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

“O Concello non ten responsabilidade sobre o peirao afundido en O Marisquiño” recalcan os técnicos municipais

Os dous técnicos municipais que compareceron este venres no xulgado de instrución número 3 de Vigo, como investigados na causa aberta polo derrube dun peirao durante o festival O Marisquiño de 2018, subliñaron que as obrigacións e responsabilidades do Concello con respecto a ese espazo limitábanse ao mantemento do paseo superficial de madeira, e non da estrutura subxacente de formigón (que foi a que colapsou).

Así o trasladou Jerónimo C. C., enxeñeiro xefe de Vías e Obras, que aludiu ao convenio da actuación ‘Abrir Vigo ao Mar’. Segundo a súa interpretación, ese acordo responsabilizaba ao Concello do mantemento e limpeza do paseo superficial, pero non do peirao cuxa construción, en todo caso, é anterior á reforma deseñada por Vázquez Consuegra.

Este funcionario explicou, a preguntas da xuíza instrutora, que a actuación do Concello en As Avenidas circunscríbese a reparacións superficiais dos listóns de madeira do paseo e á limpeza. A ese respecto, diferenciaron o entarimado da estrutura de formigón subxacente que, segundo os peritos, colapsou pola corrosión acumulada de anos sen ningún tipo de actuación de mantemento.

Por outra banda, sacou a colación unha memoria do propio Porto de Vigo na que se determina que o peirao afundido durante a celebración dun concerto no festival está dentro dunha zona de uso náutico deportivo e, por tanto, responsabilidade do Porto (quedaría excluída da chamada zona de interacción porto-cidade).

Na xornada deste venres tamén prestaron declaración como investigados o funcionario municipal Juan A.M., responsable de Urbanización e Infraestruturas do Concello, e o técnico do Porto Ignacio V., que só respondeu a preguntas do seu avogado e da maxistrada, para incidir na tese da Autoridade Portuaria, de que o mantemento do peirao na súa totalidade era obrigación municipal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.