O Concello oferta 2.388 prazas nos campamentos infantís de verán

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o programa de actividades Verán Xove 2020 dirixido a cativas e cativos nacidos entre os anos 2003 e 2016 e que ten un orzamento de 227.000 euros. O prazo de solicitude de praza abre este xoves, 4 de xuño, e permanecerá aberto ata o vindeiro día 12.
Publicado por o día 02/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello oferta 2.388 prazas nos campamentos infantís de verán

O alcalde deu conta do acordo da Xunta de Goberno que programa 2.388 prazas en campamentos urbanos e actividades estivais para nenas e nenos vigueses en diferentes espazos e con medidas especiais de seguridade. O orzamento do programa é de 227.000 euros.

A oferta de actividades inclúe o campamento en VigoZoo con 208 prazas, Verán en Samil con 200 prazas, Verán en Alcabre (200 prazas), Verán en inglés (100 prazas), Verán en Navia (195 prazas), Verán en Vigosónico (195 prazas), Verán na Casa da Xuventude (60 prazas), Verán en Coia (60 prazas), Verán mariñeiro (200 prazas), Verán náutico na ETEA (320 prazas), Verán náutico en Bouzas (200 prazas) e o Campamento urbano en Travesas (450 prazas).

Segundo detallou o rexedor, este xoves, 4 de xuño, abre o período de solicitude de praza nos campamentos, que poderá realizarse de xeito telemático ata o vindeiro 12 de xuño. As prazas adxudícanse mediante un sorteo, que se realizará o 15 de xuño ás 11 horas, sen público polas limitacións do estado de alarma. O 22 de xuño publícase o listado definitivo na web do Concello.

Medidas sanitarias

Abel Caballero explicou que os campamentos municipais deste verán van desenvolverse con tódalas garantías sanitarias establecéndose medidas de seguridade na recepción dos menores como unha declaración responsable dos proxenitores garantindo a saúde dos nenos nos 14 días previos á entrada no campamento. Cada día confirmarase que non se identificou ningunha situación estraña nos nenos, tomarase a temperatura, desinfectarase mans e/ou calzado e na saída informarase aos pais se houbo algunha incidencia e desinfectaranse as mans. Amais, o primeiro día os participantes realizarán unha acción formativa sobre “normas do campamento seguro”, terán que lavar mans antes de comida ou merenda, despois de ir ó baño e ao remate das actividades de contacto con superficies. A separación dos grupos será este ano maior á habitual e estableceranse criterios de comportamento ante toses, esbirros, contacto de mans, nariz, ollos ou boca así como pautas de desinfección continuas nos espazos.

O programa Verán Xove, de Xuventude, completarase coa oferta de actividades doutros departamentos municipais, de xeito que a oferta será similar á do ano pasado.

O Concello organiza tamén para os vindeiros meses programas como o Envellecemento Activo, que comeza o 1 de setembro, destinado a persoas maiores en asociacións e centros cívicos; e nos próximos días abrirá a convocatoria do programa de Bono Taxi e abrirá o prazo de solicitude de bolsas de comedor, libros e material para o vindeiro curso 2020-2021.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato de subministración para adquisición de 50 ordenadores portátiles para que o persoal municipal poida teletraballar e deu luz verde á adxudicación do contrato de subministro de elementos de protección dos traballadores e usuarios para a apertura dos centros de servizos sociais, por un importe de 7.000 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.