O Concello ofertará “polo menos” 750 bolsas de inglés en 2019, as mesmas que este ano

Abel Caballero deu conta esta mañá do regreso dos primeiros participantes do programa de inmersión lingüística municipal, que seguirá nos próximos días de xeito escalonado. En declaracións aos medios comprometeuse a manter, polo menos, as mesmas bolsas que este ano cando viaxaron 750 de 3º da ESO aos que se sumarán outros 92 da Escola Oficial de Idiomas.
Publicado por o día 09/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello ofertará “polo menos” 750 bolsas de inglés en 2019, as mesmas que este ano

O alcalde avanzou que onte pola noite empezaron a regresar os primeiros estudantes que este ano gozaron dunha estadía de inmersión lingüística en Inglaterra ou Irlanda e o resto do alumnado irá chegando de xeito escalonado. Este ano viaxaron 750 alumnos de 3º da ESO, aos que hai que sumar outras 92 bolsas concedidas ao alumnado da Escola Oficial de Idiomas, o que eleva a cifra a 842 achegas, máis das que outorgan as comunidades de Madrid e Cataluña xuntas. “Estou moi orgulloso deste programa”, dixo o rexedor quen avanzou que o ano que vén o Concello vai manter polo menos as 750 bolsas outorgadas este ano a alumnos de 3º da ESO, apuntando que con esta cifra este ano obtiveron a súa praza todos os solicitantes que cumprían os requisitos.

Nestes momentos, a concelleira de Educación, Olga Alonso, e técnicos municipais están en Irlanda visitando centros educativos mantendo entrevistas con directores de institutos e coas familias de acollida para facer a valoración deste ano e comezar a organización da programación da próxima convocatoria.