O Concello ofrécese a colaborar con Xestur para axilizar o desenvolvemento da nova superficie industrial en Lalín

O alcalde e o concelleiro de Urbanismo consideran esencial “traballar man con man” para que coa maior prontitude se poidan ofrecer novas parcelas e así non se perdan oportunidades de investimento
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia

O Concello ofrécese a colaborar con Xestur para axilizar o desenvolvemento da nova superficie industrial en Lalín

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, mantiveron este xoves unha reunión de traballo coa xerencia de Xestur, na que estiveron presentes por parte deste organismo María Doporto e Argimiro Marnotes, co obxectivo de expoñer as necesidades do municipio en materia de solo industrial.

O rexedor e o titular de Urbanismo explicaron que entre as medidas necesarias para axilizar o desenvolvemento de novos terreos industriais, o Concello plantexou a posibilidade de executar un desenvolvemento parcial da 4ª fase do polígono Lalín 2000. Ademais disto, na xuntanza transmitiuse “que o Concello está disposto a valorar a posibilidade de colaborar coa Xunta de Galicia no desenvolvemento deste proxecto, de maneira que coa maior prontitude se poidan ofrecer novas parcelas a prezos competitivos e así non se perdan oportunidades de investimento na nosa vila”.

Cuíña e Casares tamén sinalaron que no encontro “comprobamos que a Xunta non avanzou nada nos últimos anos na tramitación da ampliación do parque empresarial”. Aínda así, indican que “nos atopamos cunha boa disposición negociadora por parte de Xestur, pero o certo é que non apreciamos moita vontade inicial por parte da Xunta para proceder á ampliación do polígono”. Porén, fixeron fincapé en que “a intención por parte do Goberno de Lalín é precisamente cambiar esta vontade, motivo polo que dende o Concello realizamos un ambicioso ofrecemento co que queremos deixar claro o noso firme compromiso de cara a buscar fórmulas de colaboración que permitan un desenvolvemento o máis anticipado posible da ampliación da 4ª fase”.

O alcalde e o tenente de alcalde transmitiron no transcurso do encontro que o Goberno “non quere perder máis tempo para poñer en marcha os mecanismos necesarios para proceder á posta a disposición de máis superficies” e remarcaron, por este motivo, que “o ofrecemento de colaboración por parte do Concello é serio, polo que agardamos unha maior implicación dende a Xunta de Galicia dentro da cordialidade que debe prevalecer entre institucións nun asunto coma este”.

Nesta liña, Rafael Cuíña e González Casares consideran esencial “traballar man con man neste asunto de vital importancia para o tecido económico de Lalín” polo que -lembran- “nunca fixemos unha politización significativa do mesmo, senón que nos limitamos a trasladar as demandas que nos fan chegar os empresarios, que consideramos xustas e que incluso foron apoiadas polo propio Conselleiro nunha reunión coa AED”.  Así, insisten, “é de vital importancia remar xuntos para tratar de alcanzar acordos mediante os que se avance na promoción da actividade empresarial”.

Por parte do Concello tamén se lle trasladou a Xestur que a situación do polígono Lalín 2000 non é como a de outros parques empresariais, pois aínda que hai pequenas parcelas aínda libres, denótase que realmente a superficie dispoñible é claramente insuficiente para o asentamento de empresas e, polo tanto, non existen posibilidades de futuro. Neste sentido, Cuíña e Casares afirmaron entender que a “Xunta teña medo a que lle queden os polígonos desertos, mais saben que este non é o caso de Lalín, polo que cada minuto perdido en avanzar nesta tramitación é un minuto menos de posibilidades para o asentamento de empresas e para a creación de emprego en Lalín”.