O Concello pide o apoio da cidadanía ao sector da hostalería da Guarda

O Concello da Guarda ven de poñer en marcha varias accións dirixidas a apoiar á hostalaría do noso pobo ante as últimas restricións impostas pola Xunta de Galicia.
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,A Guarda

O Concello pide o apoio da cidadanía ao sector da hostalería da Guarda

Unha vez publicadas as restricións ditadas pola administración autonómica e que afectaron dun xeito tan extremo á hostalería, o Concello iniciou unha rolda de contactos individualizados co sector para coñecer de primeira man a situación na que se atopaban e os pasos que darían de cara a continuar traballando baixo as novas limitacións.

Destes contactos obtivéronse datos para a elaboración dun listado de establecementos con información sobre horarios e datas de apertura das terrazas, servizos de comida para levar ou de entrega a domicilio.

Este listado foi difundido o martes día 19 a través da web e das redes sociais do Concello, na web de Turismo, así como na App Concello da Guarda, para que esta información poda estar dispoñible para a cidadanía. O listado irá actualizándose en función da evolución da situación ou de posibles cambios nos servizos.

De xeito paralelo, outra das medidas postas en marcha polo consistorio, e que ten como obxectivo manter informados aos hostaleiros e hostaleiras da Guarda, foi a habilitación dunha sección específica na web de Turismo coa seguinte ligazón https://www.turismoaguarda.es/gl/hostaleria/, que ven a complementar as comunicacións que se facían ata agora dun xeito máis informal a través de mensaxería e correo electrónico, e no que se poderá acceder a información actualizada sobre liñas de axuda, convocatorias, novas, etc. relacionadas co sector.

Así mesmo, durante esta anualidade seguirase na liña do 2020 e non se pasarán a cobro as taxas por ocupación de vía pública das terrazas.

Por último, e na liña dos últimos días, a corporación municipal continuará denunciando a gravidade da situación pola que está a pasar a hostalería do noso pobo e instando as demais administracións para que lles proporcionen solucións rápidas e efectivas.

Desde o Concello pedimos tamén o apoio da poboación da Guarda a este sector, que está sendo especialmente castigado durante a pandemia e que supón o sustento de moitas familias da nosa vila. Esta situación está afogando aos nosos hostaleiros e hostaleiras e está nas mans de todas e todos tenderlles a man e axudalos a manterse a flote.

Con xestos tan sinxelos como pedir un café para levar, encargar unha comida para a casa, ou facer uso das terrazas cando o tempo o permita, e sempre con responsabilidade e baixo as indicacións sanitarias, estaremos contribuíndo á supervivencia de moitos dos nosos establecementos.

Pola súa parte o Concello seguirá atento á evolución da situación e continuará traballando para poñer en marcha novas medidas que axuden ao remonte da hostalería e dos demais motores económicos da vila.