O Concello pon en marcha o Obradoiro de Emprego “Foresta Lalín”

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Lalín

O Concello pon en marcha o Obradoiro de Emprego “Foresta Lalín”

O concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, xunto co de Rural, Miguel Medela, e o persoal da Oficina Municipal de Emprego, recibiron esta mañá no concello ás persoas candidatas a formar parte do Obradoiro de Emprego “Foresta Lalín”, que pon en marcha o Concello. O acto tivo lugar dentro do proceso de selección de persoal para participar nesta iniciativa que permitirá a formación de 20 persoas en situación de desemprego. Á cita de hoxe acudiron todas e todos os candidatos (3 por posto) remitidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, aos que se lles explicou en que consiste o obradoiro “Foresta Lalín”, os baremos de selección e a documentación que deben aportar dentro do proceso selectivo. Seleccionaranse 10 candidatos/as para a especialidade formativa de repoboación forestal e tratamento silvícola e outras 10 persoas para a modalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Así mesmo, seleccionarase 1 director/a 1 titor/a 1 experto ou experta docente de repoboación forestal e tratamento silvícola e 1 experto ou experta docente en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes. Unha vez rematada a fase de solicitude e entrega de documentación, publicarase a lista de candidatos admitidos para a fase de entrevista en base á puntuación obtida no baremo de selección, que pode consultarse na páxina web do Concello, onde tamén están dispoñibles as bases do proceso. Tras a entrevista publicarase a listaxe definitiva de alumnos e alumnas así como de persoal docente seleccionado con vistas a que o obradoiro dea comezo a principios do mes de novembro.

Fernández fixo fincapé na utilidade deste obradoiro, xa que ademais de ofrecer unha nova oportunidade laboral a moitos cidadáns, vai formar novos profesionais en materia forestal e seguridade ambiental relacionada cos incendios forestais. Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, cualificou como obsesión persoal facilitar a creación de emprego a través de iniciativas como este novidoso obradoiro e fixo fincapé en que, a pesar de non ser esta unha competencia municipal, dende o Goberno se traballa a reo buscando todas as alternativas e realizando xestións con todas as administracións para que a tendencia positiva na redución do paro se manteña.