O Concello pon en marcha un programa municipal de conciliación para a Semana Santa

O prazo de inscrición ábrese o luns día 1 de abril até o día 9, ámbolos dous inclusive.
Por o 01/04/2019 | Sección: Galicia,Redondela
O Concello pon en marcha un programa municipal de conciliación para a Semana Santa

O Concello de Redondela organiza o PROGRAMA MUNICIPAL DE CONCILIACIÓN 2019 – CONVOCATORIA SEMANA SANTA.

O principal obxectivo desta actividade é promover a conciliación da vida familiar e laboral nas familias durante estas vacacións de Semana Santa, ao mesmo tempo que ofrecer a posibilidade de que as nenas e os nenos dispoñan dun espazo lúdico alternativo neste período de vacacións.

Neste senso, o alcalde, Javier Bas, sinala a importancia da posta en marcha destes programas de conciliación, posto que son moi positivos para pais e nais e tamén para os máis cativos. “Os nenos divírtense aprendendo, teñen un lugar de ocio e os pais poden seguir realizando as súas tarefas”, destacou.

Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase nesta ocasión como novidade para menores de 3 a 14 anos. Terán que ter cumpridos os 3 anos no momento da convocatoria.

Tamén se segue incluíndo un número de prazas para menores con necesidades educativas especiais, casos nos se avaliará cada solicitude de maneira individual.

O Programa desenvolverase os días 15, 16 e 17 de abril e 22 de abril 2019, en horario de 09.00 a 14.00 horas, nas seguintes parroquias:

Cesantes: Centro cultural de Cesantes, con 15 prazas.

Chapela: Multiúsos, con 15 prazas.

Negros: Asociación de veciños de Negros, con 15 prazas.

Redondela: Multiúsos, con 30 prazas.

Saxamonde: Centro cultural Chan das Pipas, con 15 prazas.

Ventosela: Asociación deportivo cultural Miñoteira, con 15 prazas.

Para poder participar é preciso presentar no Rexistro xeral do Concello de Redondela a ficha de solicitude de participación e documentación anexa, que se poderá descargar da páxina web do Concello ou recoller nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM).

O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns 1 de abril e remata o martes 9 de abril, ámbolos dous días inclusive.

A listaxe de admitidas/os será publicada o venres 12 de abril na páxina web do Concello e nas oficinas do Centro de información ás Mulleres.

Para máis información os interesados poden dirixirse ao CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, ou chamando ao 986 40 80 43.

Comentar noticia

Your email address will not be published.