O Concello prepara o interior do módulo que acollerá o comedor do colexio de A Reigosa

A ANPA solicitou o adecentamento e renovación da pintura interior da infraestrutura que instalou no mes de setembro a Consellería de Educación, pois as paredes tiñan diversos furados e non se atopaban nas mellores condicións para iniciar o servizo
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello prepara o interior do módulo que acollerá o comedor do colexio de A Reigosa

O Colexio da Reigosa recibiu no mes de setembro o módulo prefabricado para poñer en marcha o servizo de comedor escolar tan demandado polas familias do centro. Con preto de 40 usuarios, o inicio do servizo está á espera de ter todos os informes favorables da Xunta de Galicia, pero a ANPA do centro segue a traballar para que os nenos acollan o servizo coa maior ilusión.

Por iso, a ANPA solicitou a colaboración do Concello de Ponte Caldelas para adecentar o interior do módulo, cuxas paredes presentaban varios furados (o módulo era anteriormente empregado como aula) para ter todo a punto para o inicio do servizo. Deste xeito, os operarios municipais taparon todos os furados e pintaron en cor morada e branca as paredes interiores. Nas paredes exteriores está previsto realizar unha limpeza con máquina hidrolimpiadora, para mellorar a imaxe exterior do módulo.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, amosa así a súa implicación coas comunidades escolares do Concello, pois a súa colaboración é total cos centros educativos e tamén coas asociacións de nais e pais de alumnos. Cabe recordar que a administración local se ofrecera a financiar totalmente a instalación do módulo de comedor escolar, inversión que asumiu finalmente a Consellería de Educación ao reutilizar unha infraestrutura que tiña noutro centro educativo, divindo o módulo para os colexios de A Reigosa e A Carballeira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.