O Concello presentará un anteproxecto de reforma do nó do porto de Marín

O alcalde considera que a ampliación do paseo ata o Cabo debe incorporar un carril bici na pasarela pilotada
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Marín,Pontevedra

O Concello presentará un anteproxecto de reforma do nó do porto de Marín

Na presentación do proxecto de ampliación do paseo peonil entre a cidade e o Cabo, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que o Concello de Pontevedra presentará un anteproxecto para reformular a contorna do nó do porto de Marín. “O nó do porto é unha obra moi pensada para o tráfico a motor e para conectalo hai que facer algunha actuación aí, e estamos niso” asegurou o alcalde. Así, o Concello de Pontevedra presentará o mencionado anteproxecto ante Fomento para que a demarcación de estradas se encargue de elaborar o proxecto da actuación, co obxectivo último de que, nun futuro, se poida conectar o paseo peonil con Marín.

Na presentación pública do proxecto participaron, entre outras autoridades, o delegado do Goberno, Javier Losada, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Tras a confirmación de que a previsión é que as obras deste tramo de ampliación comecen o vindeiro ano e da explicación detallada do proxecto, Fernández Lores asegurou que aínda que “quedan temas pendentes”, valora positivamente que haxa “unha boa actitude para estudalos”. Como mostra dunha das cuestións a solucionar citou a  “posibilidade de facer carril bici co paseo e continualo ata Marín”. O alcalde explicou que a posibilidade do carril bici si se incorporará no propio paseo “ata pasado o nó que hai coa autovía de Marín” e que lle gustaría que  “se continuase”, en referencia á necesidade de ampliar a largura da pasarela pilotada para dar cabida ao carril bici.

Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción de “que por fin se licite esta obra” e asegurou que se ben esta amplicación é importante “o ideal, e eu creo que quere tamén a alcaldesa de Marín, é que ese paseo teña continuidade entre Marín e Pontevedra e que nos relacionemos cada vez moito máis, que fagamos exercicio, e que disfrutemos dunha ría das máis bonitas de Galiza”. Lores lembrou que o éxito do tramo xa existente “é evidente” e que “a xente o que quere é pasear e achegarse á ría de Pontevedra, e nese sentido nós temos a intención de recuperar a ría para todos os usos posibles”.

Hai que lembrar que este proxecto conta cun investimento de 2,5 millóns de euros por parte do Ministerio para la Transición Ecológica e que unha vez executado completará 2 quilómetros de paseo marítimo entre a cidade e o Cabo. A finais deste mes rematará o prazo para a recepción de ofertas e, unha vez adxudicado, o prazo de execución será de 9 meses.

Comentar noticia

Your email address will not be published.