O Concello prevé ter en 3 meses o proxecto básico dos fondos e aparcamento do estadio de Balaídos

Nunha visita á zona, o alcalde informou da adxudicación provisional da redacción do proxecto básico e de execución do aparcamento e das bancadas de Gol e Marcador, orzamentado en 900.000 euros. Caballero indicou que o proxecto básico estará en tres meses, o que permitirá iniciar a adaptación urbanística e posterior licitación das obras.
Publicado por o día 12/04/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello prevé ter en 3 meses o proxecto básico dos fondos e aparcamento do estadio de Balaídos

A empresa Pedro de la Puente é provisionalmente a primeira clasificada no concurso para redactar os proxectos básico e de execución do novo aparcamento soterrado de Balaídos e dos fondos do estadio (as bancadas de Marcador e Gol). Detallou o alcalde que o orzamento ao efecto ascende a 900.000 euros, parte do convenio coa Deputación de Pontevedra que tamén inclúe outros 350.000 euros para os novos asentos de Río Baixo.

Os prazos avanzados polo rexedor indican que o proxecto básico estará concluido en tres meses. Comunicou Caballero que será entón cando o Concello tramite a adaptación urbanística dos fondos a través da chamada “lei Vigo”, a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese. Co procedemento urbanístico iniciado, o goberno vigués estará en disposición de arrancar coa licitación das obras de construción do aparcamento e das bancadas de Gol e Marcador.

En paralelo, anotou Caballero, o goberno de Vigo traballa nos estudos económico financeiros que permitan coñecer o valor do novo estadio de Balaídos para iniciar o proceso de concesión administrativa do recinto deportivo.

O alcalde subliñou a reforma “monumental” do estadio de Balaídos, levando adiante unha obra “que toda a cidade reclamaba”, cun campo “como corresponde ao Celta de Vigo e á cidade”. Caballero engadiu que, ata o momento, Concello e Deputación xa gastaron na remodelación 14 millóns de euros dun montante total que se elevará aos 40 millóns de euros: “un investimento colosal para un estadio colosal”.

Tráfico

O goberno vigués activou a reordenación da circulación no entorno do estadio de Balaídos, para facelo “completamente distinto, áxil e fluido”, apuntou Caballero. O rexedor recordou que onte mércores se abriu un carril da Avenida de Citroën, á altura da bancada de Río, e a mediados da próxima semana xa estarán os dous abertos.

Este mesmo xoves entra en funcionamento o dobre sentido da rúa Val Miñor, regulando o cruce coas avenidas Citroën e Portanet cunha nova glorieta. O obxectivo, aseverou Caballero, é dar alternativas á Avenida de Castrelos, que está saturada desde a apertura do novo hospital de Beade Valladares.