O Concello propón crear unha gran zona deportiva sobre os terreos de ADIF en Isaac Peral

O alcalde trasladou este luns a ADIF unha proposta máis ambiciosa: cubrir o actual espazo ferroviario e portuario no final de García Barbón para dispor así dun ámbito deportivo maior. A solución, similar á da terraza pública sobre a estación de Vialia, foi ben acollida por Zona Franca e ADIF, presentes na reunión, e permitiría compatibilizar o uso cidadá cos actuais.
Publicado por o día 19/10/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello propón crear unha gran zona deportiva sobre os terreos de ADIF en Isaac Peral

Abel Caballero lanzou este luns unha idea máis ambiciosa á cesión exposta en febreiro, unha solución que permitiría gañar máis espazo deportivo no centro da cidade e manter os usos ferroviario e portuario ao final de García Barbón, entre o nó de Isaac Peral e Sanjurjo Badía.

O alcalde, xunto co delegado da Zona Franca, David Regades, puxeron a proposta sobre a mesa este luns, nunha reunión coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, e o director xeral de Negocio e Operacións Comerciais do ente, Jesús Campo. Na entrevista participaron tamén a primeira tenente de alcalde e presidenta provincial, Carmela Silva, o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e a cuarta tenente de alcalde e edil de Urbanismo, María José Caride.

Segundo explicou en rolda de prensa posterior, aquel solo ten un uso “escaso” actualmente e a cidade precisa de lugares para o deporte no centro, co que a solución anunciada este luns pasaría por cubrir ese espazo xerando unha terraza superior á altura da Avenida García Barbón de uso exclusivamente municipal. A alternativa é similar á deseñada na estación de tren de Urzáiz, onde o novo edificio de Vialia estará coroado cunha gran praza de utilización pública á altura de Vía Norte.

A operación parte do Concello e a Zona Franca entraría no proxecto, mentres que a presidenta de ADIF aceptou “con entusiasmo” a proposta, indicou o alcalde. Caballero xa avanzou que o novo terreo se destinaría para a práctica deportiva e detallou que contempla habilitar alí, entre outras dotacións, un campo de fútbol, sen desbotar pistas de pádel ou de tenis.