O Concello proxecta unha ambiciosa intervención entre Raíña Vitoria e a desembocadura do Gafos

Mellorarase a conexión coa cidade desde a Alameda e o parque das Palmeiras e poranse en valor espazos emblemáticos como a desembocadura do Gafos
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello proxecta unha ambiciosa intervención entre Raíña Vitoria e a desembocadura do Gafos

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, anunciou esta mañá que o Concello proxecta unha gran intervención para toda a área comprendida entre San Roque, Raíña Vitoria Uxía, Rosalía de Castro e a avenida de Marín, que cualificou como “unha das actuacións máis ambiciosas que imos poñer en marcha neste mandato”. Ademais de estender a calidade urbana a toda esta zona, Demetrio Gómez salientou que esta acutación permitirá gañar espazos moi importantes para a cidade, como son as beiras da desembocadura do Gafos, así como mellorar a conexión desta área co resto da cidade, mellorar a mobilidade interior no barrio, e a seguranza e o acceso aos centros de ensino.

O concelleiro fixo fincapé en que a área de actuación é “ampla e moi complexa” e que aínda que xa se tiñan feito algunhas actuacións puntuais, agora se están realizando os estudos precisos para planificar as actuacións máis acaídas de acordo co Modelo Pontevedra. O primeiro dos estudos, que se está realizando coa Asociación Amizade, está analizando a accesibilidade en todo o barrio para identificar os problemas concretos e as normativas de aplicación en cada un dos casos. O segundo dos estudos, que está en proceso de contratación, refírese a toda a mobilidade no barrio  atendendo a todas as modalidades, peonil, ciclista, vehículo particular e transporte urbano; e en función de ambos estudos planificaranse os traballos para levar a cabo a actuación.

Gañar espazos para a cidade

“Actuar na ribeira dos Peiraos ou na rúa do Monte do Taco, que son as dúas beiras da desembocadura do río do Gafos, permitirános gañar un amplo espazo para todas as persoas do barrio e tamén para as que usan a beira da ría” asegurou Demetrio Gómez, como exemplo de posta en valor dun espazo que definiu como “patrimonio da historia de Pontevedra”.

Na actuación tamén se promoverá que esta área mellore a conexión co resto da cidade, a través da eliminación do “efecto barreira” que existe actualmente na contorna da rúa Raíña Vitoria e que impide a conexión fluída coa zona da Alameda e do parque das Palmeiras. Neste punto asegurou que “Raíña Victoria está facendo un efecto de barreira que separa o parque das Palmeiras do instituto e en consecuencia de todo o barrio, por exemplo da zona de Palamios, e é insostíbel que tendo un parque como este no centro da cidade, o barrio que esta ao seu lado teña tan difícil acceso a el e non o estea disfrutando”. Ademais desta conexión, tamén indicou que é preciso “gañar zonas de estancia de alta calidade” coa actuación.

Á conexión co resto da cidade, tamén se lle sumará a mellora da mobilidade interior en todo o barrio, suprimindo os conflitos existentes entre a mobilidade peonil e a motorizada, promovendo a circulación peonil nas beiras do Gafos, e mellorando o acceso e a seguranza viaria na contorna dos tres centros de ensino, o IES Sánchez Cantón, e as escolas infantís O Toxo e Bamby.

Por último, salientou que a intervención tamén incluirá a posta en valor “de todo o patrimonio que hai no barrio, no que temos patrimonio arquitectónico, etnográfico, e inmaterial”.

Demetrio Gómez lembrou que no “mandato dos barrios” esta actuación será a terceira, tras as que se están realizando na área de Eduardo Pondal – O Gorgullón, e a do barrio do Burgo, co obxectivo de extender o modelo de calidade urbana ao conxunto de toda a cidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.