O Concello reactiva VigoCultura cun protocolo específico de seguridade para ampliar espectáculos e datas

A programación de VigoCultura para o último trimestre do ano inclúe un total de 55 funcións con 33 compañías, o que supón máis espectáculos e máis datas para recuperar os eventos cancelados pola pandemia. O alcalde presentou este martes o programa e incidiu en que haberá un protocolo contra o Covid-19 “específico”.
Publicado por o día 01/09/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello reactiva VigoCultura cun protocolo específico de seguridade para ampliar espectáculos e datas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este martes en rolda de prensa a programación de VigoCultura para o último trimestre do ano 2020 cunha forte aposta como elemento de dinamización tanto social como económica. “Abrimos as portas pola necesidade de manter a acción cultural e de activar aos produtores”, sinalou.

O pasado 12 de marzo decidiuse o peche de todas as instalacións municipais, entre a que se incluía o Auditorio Municipal, por mor da crise epidemiolóxica provocada polo Covid-19. Vigocultura tivo que cancelar un total de 10 funcións que estaban previstas para os meses de marzo e abril.

Desde o Concello de Vigo fíxose un esforzo xunto coas compañías para poder adiar todas estas funcións que tiveron que ser canceladas, un esforzo titánico xa que a programación para o segundo semestre estaba pechada con outras compañías, polo que tivemos que ampliar datas de programación.

Desde xeito o Concello de Vigo quixo desde o principio facer unha firme aposta polo apoio ao tecido cultural que tanto está sufrindo nos últimos meses, converténdonos no único Concello de Galicia que non cancelou ningunha das funcións previstas, aínda máis, ampliando a programación que estaba pechada para o ano 2020.

Protocolo Covid-19

Así pois, o Auditorio Municipal abre as súas portas cun protocolo Covid-19 específico. Un protocolo conservador cuxo único fin é garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e público xeral. Poderemos seguir desfrutando das mellores compañías de artes escénicas, con todas as garantías de seguridade.

O aforo do Auditorio Municipal, que en circunstancias de normalidade conta cunha capacidade para 285 persoas, redúcese a 83, garantindo a distancia mínima interpersoal recomendada polas autoridades sanitarias. No caso dos espectáculos para bebés, que se desenvolven no escenario do propio auditorio tan só poderán acceder 20 adultos cos seus bebés.

Será obrigatorio en todo momento o uso da máscara de protección a partir dos 6 anos e recomendable entre os 3 e os 5. O Auditorio Municipal contará con percorridos independentes de entrada e saída debidamente indicados, así como dispensadores de xel hidroalcohólico.

Priorizarase a compra online e o pago con taxeta de crédito para evitar no máximo posible o contacto físico e elimínase o punto de venda de Discos Elepé para concentrar toda a venda física no despacho de billetes do propio Auditorio e non se editarán programas en papel, estando dispoñible o código QR de descarga do programa completo.

Máis espectáculos, datas e seguridade que nunca

Como sempre, trátase dunha programación elaborada desde e por o Concello de Vigo, despois do visionado e selección dos mellores espectáculos ao longo do ano, que pretende seguir consolidando públicos e chegando ao maior número de vigueses e viguesas.

A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, microteatro e circo. Un total de 31 compañías e grupos que realizarán un total de 55 funcións.

A programación comezará na rúa do Príncipe, como ven sendo habitual, que tamén contará cun protocolo específico, o venres 25 e o sábado 26 de setembro, con dous espectáculos de rúa diferentes e un espectáculo de micro-teatro con monicreques no anexo ao museo MARCO.

Ao venres seguinte comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres e sábados exhibirá espectáculos para adultos coas novas producións de compañías como A Quinta do Cuadrante (que conta con tres nominacións aos Premios María Casares), Cinema Sticado, Jean Philippe Kikolas, Elefante Elegante, Teatro do Atlántico, La Quintana Teatro ou Iron Skulls.

Para os máis pequenos da familia, haberá programación todos os domingos de outubro e novembro pola tarde e os dous primeiros domingos de decembro en horario de mañá, con compañías como Vol’e Temps, Spasmo Teatro, Rolabola, Anita Maravillas ou Luna Teatro e Danza. Haberá tamén dous espectáculos de teatro para bebés nos meses de outubro e decembro.

Os espectáculos que se tiveron que cancelar nos meses de marzo e abril (“Jauría” de Kamikaze, “Lambetadas” de Talía Teatro, “O mel non caduca” de Ibuprofeno Teatro, “Y ahora qué” de Cía.Puntocero, “Medida por medida” de Producións Teatrais Excéntricas, “Olivia y las Plumas” de La Machina Teatro, “Alma non é hippie” de Colectivo Verticalia, “Médula” de Exire e “Catro” de Caramuxo Teatro), teñen novas datas dentro da programación Vigocultura nos meses de outubro, novembro e decembro.

Como todos os semestres Vigocultura apoia ás compañías de teatro da nosa cidade propiciando a estrea de tres novos espectáculos como son “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva” da compañía Olivas Negras, “Feminísssimas” de Deste Xeito Producciones, e “O Fiandón” de Teatro Aforo.

Ademais contaremos con tres compañías internacionais que veñen de Portugal como son We Tum Tum, Companhia do Chapitô e Teatro Art’Imagem.

Yllana volve ao Auditorio Municipal co espectáculo “The Ópera Locos”, produción gañadora do Premio Max ao Mellor Espectáculo Musical, e que realizará dous pases, un o venres 27 e outro o sábado 28 de novembro.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 € en xeral, 10 € no caso de Yllana, e os dirixidos a público familiar de 5 €.

A partir de mañá mércores 2 de setembro comeza a venda de abonos a través da páxina web de Eventbrite e a partir do 21 de setembro estarán á venda as entradas para espectáculos soltos e a venda presencial. Aínda que neste semestre priorizarase a venda online, estableceranse dous días de venda presencial anticipada na billeteira do propio auditorio, os luns de 18 a 20 horas e os venres de 10 a 13 e de 18 a 20 horas, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles). Como sempre, as entradas, non levan recargo por gastos de xestión e véndense sempre ao mesmo prezo, tanto online como no despacho de billetes.

É importante destacar que as entradas dos espectáculos adiados que tiveron que cancelarse polo COVID non serven para esta nova tempada ao contar con aforos distintos, polo que todas as persoas que aínda non recolleron o reembolso das súas entradas en Discos Elepé poderán facelo ata o vindeiro 30 de setembro na propia tenda de discos.

O Auditorio Municipal do Concello está adscrito ao Programa Platea de Circulación de Espectáculos que xestiona o INAEM en colaboración coa FEMP do que forman parte sete espectáculos dos programados nesta tempada e forma parte tamén da Rede Galega de Teatros e Auditorios que tamén contribúe financiando parte doutros sete espectáculos. Desde decembro de 2017 tamén pertence á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública.

O custe da programación Vigocultura para este segundo semestre é de 177.674,87 €, dos que AGADIC fará unha achega de 15.400,79 € a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.