O Concello recibe en doazón para Castrelos obras dos pintores Tomás Barros, Díaz Pardo e Ricardo Segura

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves a proposta de doazón de obras dos pintores Tomás Barros, Isaac Díaz Pardo e Ricardo Segura Torrella para o Museo de Castrelos. Trátase de 12 óleos e 60 tintas cedidas polos herdeiros de Barros Pardo e cunha valoración total de 79.500 euros.
Por o 16/05/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello recibe en doazón para Castrelos obras dos pintores Tomás Barros, Díaz Pardo e Ricardo Segura

O Concello de Vigo aprobou este xoves en Xunta de Goberno a doazón realizada polos herdeiros de Tomás Barros Pardo para que o Museo de Castrelos poida recibir un total de 12 óleos e 60 tintas e caricaturas dos pintores Tomás Barros, Isaac Díaz Pardo e Ricardo Segura Torrella.

O inicio do trámite de cesión iniciouse en outubro de 2017 cando Tomás Barros Cao propuxo doar pezas ao óleo da colección familiar Tomás Barros Pardo a favor do Museo de Castrelos (Quiñones de León). Un ano despois, a proposta ampliouse con debuxos do autor Isaac Díaz Pardo e Ricardo Segura Torrella que se utilizaron como ilustracións da revista de poesía e crítica literaria ‘Aturuxo’ (Ferrol, 1952-1960), da que Barros era director (xunto a Miguel Carlos Vidal), e dos poemas do libro ‘Espantapájaros’.

A obras cedidas son 12 óleos de Tomás Barros Pardo: “Fernando, o meu pai” (ca. 1950), “Autorretrato” (1960), Sen título (retrato da década de 1960), Sen título (paisaxe da década de 1960), “Muller sentada sobre fondo azul” (1960), “O parlamento grande” (1974), “Sara” (1975), “Baile na aldea” (1982), “Unha versión de O Quixote” (1983), “Mariñeiros remando” (1983), “Sen título (retrato de 1985) e “Sen título” (retrato de 1985).

Ademais, a doazón inclúe un total de 58 tintas de Isaac Díaz Pardo, doce delas ilustracións da revista “Aturuxo” (1952) e 46 ilustracións do libro “Espantapájaros”, de Tomás Barros Pardo. Por último, de Ricardo Segura Torrella outras dúas tintas con ilustracións da revista “Aturuxo” (1952). A valoración económica de todas as pezas é de 79.500 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.