O Concello de Pontevedra recibirá esta próxima semana o campo de herba sintética de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve, que xa está totalmente rematado. A obra tivo un custe de adxudicación de 859.953,23 euros e foi executada pola empresa Covsa nos últimos sete meses.
O campo de Gatomorto é un dos catro de herba sintética que o Concello está a construír en distintas parroquias do rural, completando as infraestruturas deportivas municipais. Ao de Cerponzóns que xa está en uso, súmase agora o de Gatomorto, e proximamente serán o de Campañó (en estado moi avanzado) e o de Ponte Sampaio cuxas obras retomáronse nestas semanas pero que leva moi bo ritmo de traballo para rematar a obra canto antes.
O Concello investiu tan só nestes catro campos e máis na reforma do da Xunqueira I, máis de 4 millóns de euros, e no futuro sairá a contratación o previsto na parroquia de Salcedo.
A reforma de Gatomorto aproveitou o desmonte que xa existía na parcela do actual campo de fútbol e mantivo as estruturas dos vestiarios que estaban feitos en pedra, pero se reformaron totalmente.
O terreo de xogo de Gatomorto ten 105 m2, unhas dimensións que permite ter un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7. Creáronse catro vestiarios de xogadores e dous vestiarios para árbitros. Botiquín, enfermería e almacén. As entradas de público e xogadores ao campo están segregadas. Tamén ten nova instalación eléctrica e iluminación. O campo cumpre todos os requisitos esixidos pola FIFA para que poida ser unha instalación de competición oficial.
O investimento completouse con equipamento deportivo como un marcador ou porterías, peche perimetral de todo o campo e mantemento do céspede durante 5 anos, que foi ofertado como melloras ao contrato por parte da empresa, que asume a compañía e que teñen un custe duns 110.000 euros.
Unha das principais liñas de investimento do Concello de Pontevedra neste mandato foi iniciar a renovación e completar as infraestruturas deportivas municipais. Foron case 12 millóns de investimento nas obras máis salientables, ademais de outras máis pequenas de mantemento nas distintas instalacións deportivas municipais.
Noticias de última hora en Vigo