O grupo de goberno presentou ambas mocións, instando á Xunta de Galicia a incorporar sendas partidas orzamentarias de 5 millóns nas contas autonómicas de 2020, para cubrir 15 patios de colexios de Vigo por un lado e para ampliar o recinto feiral por outro, atendendo á demanda de Conxemar.
O primeiro acordo adoptado insta ao goberno autonómico “a introducir nos presupostos do ano 2020 unha partida de 5 millóns de euros para a cubrición de quince patios escolares na cidade de Vigo, asumindo integramente o seu financiamento, para cubrir a forte demanda actual que soamente se está a atender desde o Concello de Vigo”.
Na exposición de motivos do texto se indica que “son numerosos os centros que se dirixen ao Concello solicitando a cubrición dos patios escolares”, polo que se reclama un “compromiso” da administración autonómica que se traduza nunha partida de cinco millóns de euros no orzamento da Xunta para o próximo ano. A moción resultou aprobada cos votos favorables dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular
A mesma cantidade solicita o Pleno ao presidente da Xunta de Galicia, para “cumprir o seu compromiso coa ampliación do IFEVI, consignando nos orzamentos da Xunta para o ano 2020 a cantidade de 5 millóns de euros na partida concreta na que neste momento só figuran 100.000 euros”.
Neste caso, a moción presentada e aprobada explica que o pasado 10 deste mes o Padroado do IFEVI acordou a ampliación do recinto feiral a instancias do comité executivo de Conxemar, acordo adoptado pola unanimidade das administracións e entidades alí representadas. A moción foi aprobada co apoio dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular.
Humanizacións
A Corporación tamén deu o visto bo na súa sesión deste mércores á moción presentada polo grupo socialista reclamando melloras nas beirarrúas de titularidade autonómica na cidade. Así, o acordo validado insta á Xunta á “realización dun plan de humanizacións das beirarrúas das estradas de titularidade autonómica no Concello de Vigo por un importe mínimo de 6 millóns de euros, a incluír nos orzamentos do ano 2020”. A moción foi aprobada co apoio dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.