O Concello reclama ao Consorcio do Casco Vello a cesión das súas parcelas na zona da Panificadora

O Consorcio, composto por Xunta e Concello, acordou hoxe xoves ceder de balde o edificio do Berbés 5 ao goberno autonómico para facer un albergue de peregrinos. O alcalde anunciou que o goberno de Vigo solicitará os terreos do Consorcio no entorno da Panificadora, cuxa rehabilitación promove o Concello.
Por o 31/05/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello reclama ao Consorcio do Casco Vello a cesión das súas parcelas na zona da Panificadora

Abel Caballero recordou que o Consorcio funciona “por unanimidades” e, polo tanto, a posición do Concello de Vigo é “determinante” tamén para a decisión adoptada este xoves de ceder de balde á Xunta de Galicia o edificio número 5 do Berbés para a construción dun albergue de peregrinos.

O goberno de Vigo comunicou na cita deste xoves que solicitará ao ente que aplique “a mesma norma e o mesmo criterio” aplicado para a Xunta de Galicia, explicou o rexedor, e ceda de balde os terreos do Consorcio no entorno da Panificadora, anexos á Praza do Rei.

O Concello reclamará a cesión de balde durante 99 anos destas parcelas para incorporalas á recuperación que promove para a Panificadora, pois “a nosa vocación de rehabilitar a Panificadora é imparable”, concluíu Caballero.