O Concello reclama que a Xunta se comprometa coa volta ás aulas nos colexios do Grove

O protocolo da Consellería de Educación e Sanidade dos colexios esixe a limpeza dos baños se realice tres veces ao día e outras medidas, sen que estas conten con financiamento.
Publicado por o día 14/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello reclama	que a Xunta se comprometa coa volta ás aulas nos colexios do Grove

Dende o Concello do Grove amósase a sorpresa de que se estea traballando nun protocolo, que inda non foi dado a coñecer oficialmente pola Xunta de Galicia, sen que nin o propio Concello nin os centros nin as ANPA fosen consultados en ningún momento. Deste xeito, unha vez máis, a Xunta deixa desamparada a educación pública ante un problema tan grave como o control da seguridade e a saúde nas aulas.

Entre as indicacións que (extraoficialmente) contempla este protocolo atópanse medidas nada sinxelas como a realización da limpeza dos aseos tres veces ao día. No momento actual estes
servizos reciben unha limpeza diaria, polo que aplicar este novo criterio suporía, cando menos, duplicar o orzamento que os concellos lle dedican á limpeza. A todo isto engadimos elementos como contar con xabóns e xeles hidroalcólicos, espazos específicos para separar alumnos ou alumnas que presenten síntomas de coronavirus ou marcar os colexios con rutas de entrada e de saída, entre outras cousas. Medidas, todas elas, que se traducen nun gasto importante e que, a día de hoxe, terán que ser asumidas polos propios orzamentos dos centros ou, como no caso do Grove, solicitando a colaboración dos concellos.

Resulta verdadeiramente preocupante que, a día de hoxe e apenas unhas semanas antes de que teña que empezar o curso, non se conte con ningún tipo de contacto por parte da Xunta de Galicia, polo que dende o Concello do Grove se trasladou unha carta na que lle solicita á Consellería de Educación e á de Sanidade unha reunión urxente para abordar esta problemática que pode poñer nunha dura situación de financiamento os centros educativos públicos. Lembramos que, dende o Goberno central, a Xunta de Galicia recibiu 1.200.000 euros para actuacións no ámbito da educación, sen que se teña noticia sobre como se van investir estes fondos.

Os colexios públicos do Grove enfróntanse a unha das peores situacións da historia do noso país en canto a seguridade e saúde, e fano contando co mesmo orzamento que en anos anteriores. O Concello do Grove xa estivo en contacto cos centros e expresoulles a súa total dispoñibilidade para colaborar con eles para conseguir unha volta ás aulas o máis normal e segura posible, pero sen dúbida resulta moi preocupante que a Xunta de Galicia siga limitándose a dar directrices (inda non oficiais) e non solucións reais ante este grave problema, polo que o Concello realizará as protestas e denuncias que sexan precisas ata que este problema sexa atendido.

Comentar noticia

Your email address will not be published.