O Concello recorre a negativa da Xunta a aplicar a “lei Vigo” aos novos accesos do CEIP Párroco don Camilo

O goberno vigués aprobou interpoñer un contencioso administrativo contra a resolución autonómica que denega a aplicación da Lei 3/2016 para construír uns accesos seguros ao colexio. O Concello considera que ten lexitimidade para promovelo e defende a urxencia de mellorar a seguridade na entrada dos estudantes.
Por o 04/10/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello recorre a negativa da Xunta a aplicar a “lei Vigo” aos novos accesos do CEIP Párroco don Camilo

En rolda de prensa, Abel Caballero informou que a Xerencia de Urbanismo acordou a interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución da Xunta de Galicia que desestima a solicitude do Concello de iniciar o procedemento previsto na lei 3/2016 para proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Revelou o alcalde que a Xunta denega a aplicación desta lei para a execución duns novos accesos ao colexio de San Andrés de Comesaña, proxectados e abonados polo propio Concello de Vigo, cuestionando por un lado a lexitimidade do Concello para promover a aprobación de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese público e, en segundo lugar, a urxencia ou interese da obra.

A lei 3/2016 refírese a proxectos “promovidos por órganos das administracións públicas ou de dereito público”, o que inclúe ás entidades locais, a xuízo do Concello e segundo valorou o alcalde de Vigo.

Sobre o segundo suposto, Caballero recordou que o actual acceso ao colexio é estreito e compartido por peóns, coches e autobuses escolares, ao carecer de beirarrúas. O goberno de Vigo quere facer unha nova entrada, o que require da modificación da cualificación urbanística, para gañar en seguridade.

“Nada hai máis importante que a seguridade dos nenos e nenas”, explicou o alcalde para xustificar a urxencia e excepcional interese desta obra. Caballero considerou “intolerable” que a Xunta de Galicia, para denegar a aplicación da “Lei Vigo”, argumente que esta actuación non é urxente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.