O Concello reforza a atención para a solicitude das bolsas de comedor e libros

Dado o incremento na demanda desta axuda municipal, este mércores habilitouse unha nova fiestra sen cita previa na que dúas persoas axudarán a realizar a solicitude. O alcalde lembra que “non hai límite presupostario” para este programa polo que a contía será incrementada se é preciso
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello reforza a atención para a solicitude das bolsas de comedor e libros

Abel Caballero informou en rolda de prensa que se está rexistrando unha demanda maior de bolsas de libros e comedor debido ás consecuencias da pandemia. Por este motivo, o Concello habilitou unha nova fiestra de atención con dúas persoas funcionarias, para que aquelas persoas que non teñen cita previa concertada poidan acudir a realizar a solicitude. Con todo, non descartou a ampliación do prazo se non fose suficiente con esta medida.

O rexedor reiterou que o goberno municipal “dará tódalas bolsas de comedor que se soliciten cumprindo os requisitos; todo aquel que teña dereito a ela vaina recibir. Non hai límite presupostario”, explicando que a contía será incrementada todo o que sexa preciso para que ninguén quede sen bolsa de comedor.

Segundo explicou, no ano 2019, o Concello outorgou 3.255 bolsas de comedor por valor de 1,2 millóns de euros, aos que cómpre sumar 606.000 euros do convenio con Foanpas, e 1.356 bolsas de libros e material escolar por valor de 150.000 euros. Amais destes 2 millóns de euros, apuntou, este ano “dedicamos 400.000 euros máis en pagos de bolsas de comedor durante a pandemia para atender as necesidades das familias”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.