O Concello rematará en mes e medio o ascensor acristalado de Marqués de Valterra

Visitado hoxe xoves polo alcalde, o elevador ata Torrecedeira estará emprazado á altura de Instituto Oceanográfico e forma parte da segunda fase da humanización da rúa, cun importe de 871.000 euros. Será o primeiro dos dous ascensores que conectarán Marqués de Valterra con Torrecedeira.
Publicado por o día 30/08/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello rematará en mes e medio o ascensor acristalado de Marqués de Valterra

Segundo as datas comunicadas hoxe polo alcalde, nun prazo máximo de mes e medio estará terminado o ascensor que unirá Marqués de Valterra con Conde de Torrecedeira. Haberá un segundo, á altura de Juan Ramón Jiménez, en perpendicular ao que constrúe o Concello coa remodelación do parque Camilo José Cela e ao xa operativo entre Pi y Margall e Camelias.

O ascensor está incluído na segunda fase da humanización de Marqués de Valterra, cun investimento de 871.000 euros, que supera o millón sumando a primeira fase xa executada. A nova etapa da humanización, informou Caballero, contempla a renovación do pavimento, con beirarrúas de granito, 1,2 quilómetros de novas canalizacións soterradas, rede de rego e alumeado público, novos puntos de luz, xardineiras, papeleiras e arborado.

O elevador ten capacidade para 13 persoas, será acristalado panorámico de 15 metros de altura, suxeito con estrutura de acero e con acceso superior mediante unha pasarela peonil de aceiro e cristal.

Abel Caballero resaltou que o ascensor creará unha nova praza en Marqués de Valterra, nunha zona que ata o de agora era unha “vertedoiro”, denunciou que gobernos anteriores non atenderon a esta rúa e valorou que o Concello hoxe “atende a toda a cidade por igual”.

O alcalde puxo en valor a transformación “integral e histórica” que o goberno que preside acomete neste entorno, coa humanización de Marqués de Valterra, os dous ascensores, a remodelación do parque Camilo José Cela -que tamén inclúe un elevador-, a humanización da rúa Llorente e da propia Torrecedeira, ademais de cambiar o acceso ao CEIP Ramón y Cajal e desbloquear o Barrio do Cura. “Síntome moi orgulloso de ser o alcalde que o fai”, aseverou.