O concello repara as beirarrúas e arranxa os alcorques da área de reparto situada a carón da estación de autobuses

A intervención realizada pola brigada de Obras afectou a preto de 300 metros cadrados de superficie
Publicado por o día 15/05/2018 na sección de Galicia

O concello repara as beirarrúas e arranxa os alcorques da área de reparto situada a carón da estación de autobuses

O concelleiro de Obras de Lalín, Francisco Vilariño, supervisou esta mañá acompañado do xefe da brigada de obras, Jorge Vilariño, os traballos de reparación de beirarrúas acometidos polo Concello na área de reparto situada fronte á estación de autobuses. Concretamente, as tarefas afectaron a preto de 300 metros cadrados da rúa Bispo Frei José e Padre Oro e consistiron, por unha parte, no acondicionamento das beirarrúas co arranxo daqueles treitos con desperfectos nos que existían lousas soltas ou afundimentos e, por outro, na reparación dos alcorques das árbores situadas ao longo destes viais e que por mor do crecemento das raíces dos exemplares, se atopaban deteriorados e provocaban incluso o levantamento de lousas próximas dificultando o tránsito a pé.

“Esta intervención” -engade Francisco Vilariño- “continúa a senda doutras emprendidas polo Goberno local que nos permiten, mediante pequenas actuacións, mellorar a accesibilidade no casco urbano”. O Concello de Lalín vén realizando un intenso esforzo para eliminar barreiras arquitectónicas e propiciar os desprazamentos a pé cómodos e seguros, dándolle prioridade ás persoas e favorecendo o tránsito de toda a veciñanza. “Este tipo traballos” -lembrou- “terán continuidade ata final de mandato, reportando beneficios ao conxunto da poboación, posto que se mellora a accesibilidade e se favorece o tránsito peonil”.