O Concello repartirá 20.000 máscaras de protección cada semana desde o 11 de maio

Este luns continúan as entregas gratuítas nas contornas dos espazos comerciais de Coia, Travesía e Praza E, ademais de en Alcabre, Castrelos, San Andrés, Freixeiro, San Paio, San Miguel de Oia, Saiáns, San Xoán do Monte e Zamáns. O goberno vigués pechou a compra doutras 100.000, que distribuirá de balde desde o 11 de maio.
Publicado por o día 27/04/2020 na sección de Concello de Vigo,Coronavirus,Galicia,Vigo

O Concello repartirá 20.000 máscaras de protección cada semana desde o 11 de maio

Igual que nesta fin de semana, o Concello de Vigo prosegue este luns coa entrega de balde de máscaras de protección á cidadanía, hoxe nos arredores dos espazos comerciais da rotonda de Avenida de Castelao, da Travesía de Vigo e da Praza Elíptica. Tamén este luns se distribuirán unidades nas proximidades das tendas de alimentación e farmacias de Alcabre, Castrelos, San Andrés de Comesaña, Freixeiro, San Paio de Navia, San Miguel de Oia, Saiáns, San Xoán do Monte e Zamáns.

Explicou o alcalde que se distribúen así as primeiras 20.000 máscaras, que foron cedidas por Povisa, como paso previo ás outras 100.000 unidades que o Concello vén de adquirir. Estas chegarán á cidade a partires do 11 de maio e se repartirán a un ritmo de 20.000 por semana. Abel Caballero avanzou que quere conseguir outras 200.000 máscaras para poder entregar un total de 300.000 entre os vigueses e viguesas.

A mesma cifra, 300.000 unidades, esixiu o alcalde á Xunta de Galicia, en declaracións por videoconferencia este luns. Abel Caballero demanda do goberno autonómico que remita “inmediatamente” esa cantidade ao Concello de Vigo para a súa distribución entre a cidadanía, xa que ata o momento non enviaron á administración local viguesa “unha soa máscara para repartir aos cidadáns de Vigo”.