O Concello súmase á iniciativa “Baixo un mesmo paraugas” para visibilizar a discapacidade

Isaura Abelairas animou a todo Vigo a refuxiarse “Baixo un mesmo paraugas”, para reivindicar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Por terceiro ano consecutivo, o luns 3 de decembro na Praza da Estrela daranse cita trece entidades sociais, ademais de alumnos de primaria e secundaria.
Publicado por o día 29/11/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello súmase á iniciativa “Baixo un mesmo paraugas” para visibilizar a discapacidade

O Concello de Vigo sumarase o próximo 3 de decembro ás máis de 50 entidades sociais de toda Galicia que celebrarán o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co lema “Baixo o mesmo paraugas”. Esta iniciativa, que se organiza en Vigo por terceiro ano, conta cada vez con máis colectivos participantes.

A concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, animou a toda a cidadanía a acudir o día 3 ás 11,30 h á Praza da Estrela cun paraugas para apoiar unha acción que pretende visibilizar unha sociedade diversa e plural, pero con desexos e ilusións por igual. Tal e como explicou a directora de APAMP, Concepción Somoza, este ano participarán por primeira vez alumnos de centros educativos de infantil e primaria, como unha clara aposta por traballar a inclusión desde as aulas para conseguir un cambio social real.

Nesa xornada serán as persoas con discapacidade as que lean un manifesto coas súas principais reivindicacións, en representación das seguintes entidades: APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise cerebral); Alento; Fundación Aldaba; Federación ASPACE Galicia; Aceesca; Centro Juan María; ASPANAEX; San Xerome; HC San Rafael Vigo; Avempo; DiscaminodeSantiago e EVD Galicia.