O Concello transformará o CITA no Centro de Interpretación da Cidade Medieval

O concelleiro Xaquín Moreda destaca a necesidade de pór en valor todos os espazos arqueolóxicos medievais da cidade: Valentín García Escudero, Santa María e Arcebispo Malvar, dándolle unha coherencia na xestión conxunta.
Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello transformará o CITA no Centro de Interpretación da Cidade Medieval

O Concello de Pontevedra rematará nesta semana os traballos de limpeza e consolidación dos espazos arqueolóxicos da cidade: Valentín García Escudero (xa concluído) e Santa María, realizados por unha empresa especializada nestes días. O concelleiro responsable de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda visitou os traballos practicamente finalizados en Santa María, acompañado da concelleira Carme da Silva.

Foron uns labores delicados, de retirada de herba a herba, xa que as estruturas son moi febles e poderían danarse.

O concelleiro aproveitou a visita para anunciar o proxecto de posta en valor dos achados arqueolóxicos da cidade, dándolle a importancia que realmente deberan ter. Referiuse aos espazos de Valentín García Escudero, aos restos da muralla medieval en Arcebispo Malvar, e ao Campiño de Santa María.

Para coordinar todos estes espazos será preciso cambiar o funcionamento do CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) transformándoo no Centro de Interpretación da Cidade Medieval. O traballo deste centro sería o control de todos os achados da cidade e tamén o punto de saída de roteiros sobre a historia de Pontevedra que programa a concellaría, facendo percorridos por estes espazos arqueolóxicos debidamente sinalizados e con paneis informativos.

Ademais, tamén está prevista unha actuación para mellorar a visita do xacemento de Valentín García Escudero, de tal xeito que se poidan ver máis e mellor os restos do vello peirao medieval.

Xaquín Moreda destacou que é preciso “darlle protagonismo á época dourada de Pontevedra”, centrada nos séculos XV e XVI, momento en que a cidade tiña o porto  medieval máis importante da Galiza, do cal se conservan as estruturas de Valentín García Escudero; e que na actualidade fan da cidade do Lérez unha singularidade dentro do patrimonio histórico galego xa que noutras urbes consérvanse elementos romanos ou doutras épocas, pero é o único peirao medieval galego, vinculado á Ponte do Burgo, elemento fundamental no esplendor comercial da cidade da época.