O Concello traslada ao ministro de Cultura a proposta de construír a Biblioteca do Estado nos terreos expropiados para a Cidade da Xustiza

Abel Caballero confía nunha resposta afirmativa do ministro de Cultura ao que vén de facer chegar a proposta de construír a Biblioteca do Estado nos terreos municipais da rúa Lalín. O espazo expropiado polo Concello ten 6.000 m2 e un valor de 5 millóns e sería cedido de xeito gratuíto polo goberno local.
Publicado por o día 19/03/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello traslada ao ministro de Cultura a proposta de construír a Biblioteca do Estado nos terreos expropiados para a Cidade da Xustiza

O rexedor deu conta esta mañá do envío ao ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo, dunha carta que recolle a proposta “razoada e fundamentada” de construír a Biblioteca do Estado nos terreos municipais da rúa Lalín. Ese espazo, expropiado polo Concello para que a Xunta construíra a Cidade da Xustiza antes de que decidira levala ao antigo Xeral, conta con 6.000 m2 de planta e ten un valor de 5 millóns de euros que o Concello cedería gratuitamente.

O Concello propón a sinatura dun convenio polo que o Goberno tería que incluír nos próximos orzamentos unha partida de 350.000 ou 400.000 euros. A partir de aí, a través da Lei Vigo se realizaría a tramitación urbanística precisa e a biblioteca podería estar construíndose nun ano. En declaracións aos medios, Caballero criticou a opción da Xunta cunha proposta que non arrancaría ata despois das eleccións autonómicas e xerais polo que se “trata dunha tomadura de pelo porque poden cambiar os gobernos”.