O concurso de fotografía e debuxo Océanos que Unen xa ten gañadores e gañadoras

Presentáronse preto dun cento de traballos, tanto de nenos como de adultos
Publicado por o día 08/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O concurso de fotografía e debuxo Océanos que Unen xa ten gañadores e gañadoras

Preto dun cento de persoas, dende nenos e nenas ata adultos, participaron no I Concurso de Debuxo e Fotografía Océanos que Unen, convocado polo Campus do Mar co gallo da celebración, hoxe luns 8 de xuño, do Día Mundial do Océanos. Coincidindo con esta data fixéronse públicos os nomes dos e das gañadoras nas diversas categorías: a de debuxo, orientada aos máis pequenos da casa entre os 3 e os 12 anos e a de fotografía para os de máis idade. En total, participaron no certame 95 persoas, que presentaron 52 debuxos e 43 fotos cos que puxeron en valor os areais galegos, a vida nos fondos mariños, as mareas ou as profesións relacionados co mar.

Os debuxos premiados

A modalidade de debuxo dividiuse en franxas de idade. O primeiro premio na categoría de 3 a 5 anos foi para Carlos Traveso, de 4 anos. Tras el, quedou no segundo posto Mara Mariño, de 5 anos e no terceiro Alexandre Martínez, de 3 anos. Na categoría de 6 a 8 anos, o gañador foi Dylan Simoes, de 8 anos, cun debuxo que titulou Buceando con papá; o segundo posto para Alejandro Vieites, tamén de 8 anos e o terceiro para Ian Suárez, de 6 anos. Na categoría de 9 a 12 anos, o primeiro premio foi para Rita Álvarez, de 12 anos; o segundo para Carlo Petrelli, de 11 e o terceiro para Noelia Castro, tamén de 11 anos.

E as fotografías premiadas

No que se refire á modalidade de fotografía, constaba de dúas categorías. Unha para rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos e outra para maiores de 16, ambas con catro tipos de temáticas: procesos mariños, biodiversidade, o mar como fonte de recursos e economía azul e o mar como espazo de unión e reunión. Na categoría de menores de 16 anos o premio foi para Joaquín Moreiras DaCosta, pola foto Procesos mariños, xa que o xurado, atendendo ao número de obras presentadas, decidiu entregar un único premio neste grupo de idade agrupando todas as categorías. A súa instantánea amosa un areal coas ondas chegando á praia ante a ollada dunha gaivota. Entre os maiores de 16 anos, Ana García Rivas foi a gañadora na categoría de procesos mariños cunha imaxe da praia de monte Louro titulada A beleza tamén é un proceso; Cristina García Fernández na de biodiversidade coa foto Vida Subamarina; Pancracio Eguren impúxose cunha imaxe de mariscadoras titulada Para comer hai que dobrar o lombo, na modalidade na que tiña que representar o mar como fonte de recursos e economía azul. Finalmente, Ana Gamallo foi a galardoada na referida ao mar como espazo de unión e reunión cunha fotografía denominada Lecer con rapaces xogando nun areal.

Algúns dos premios terán que agardar

Tanto os máis pequenos como os maiores serán galardoados con distintos agasallos. No concurso de debuxo outórganse tres premios por categoría de idade, sendo o primeiro un certificado de embaixador ou embaixadora infantil do Campus do Mar xunto cunha impresión do debuxo gañador en artigos de comercialización do CdM e un regalo de temática mariña. Por outra banda, o segundo e o terceiro premio son galardoados cunha mención de honra e un regalo de temática mariña. Así mesmo, todos os gañadores poderán gozar dunha visita guiada, acompañados dun adulto, á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) cando a situación derivada da COVID-19 o permita. O mesmo sucede cos gañadores e gañadoras do concurso de fotografía, xa que o premio consiste nun paseo en veleiro para dúas persoas para cada categoría e grupo de idade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.