O condutor dun turismo excarcerado despois de saírse da vía co seu vehículo en Castroverde

Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Sucesos

O condutor dun turismo excarcerado despois de saírse da vía co seu vehículo en Castroverde

Un home resultou ferido, e tivo que ser excarcerado, despois de saírse da vía o turismo que conducía ao seu paso polo concello lucense de Castroverde.

O accidente ocorreu ao fío das  22:15 horas da noite de onte. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo persoal sanitario, o home sufriu unha saída de vía mentres conducía pola LU-530, á altura do punto quilométrico 24, e necesitaba axuda tras quedar atrapado no interior do vehículo.

A partir de aí, os xestores do 112 alertaron axiña ao GES de Becerreá que acudiron ao lugar do accidente e fixeron uso do material de excarceración para liberar ao ferido. Ata o punto tamén desprazáronse os Bombeiros de Sarria, axentes da Garda Civil de Tráfico e servizo de mantemento das estradas.

Unha vez rematadas as labores de excarceración, o condutor foi evacuado polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Rosario de accidentes

Non foi o único sinistro rexistrado. Un rosario de accidentes aconteceron durante as primeiras horas desta mañá. De feito, ás 7:30 horas, outra saída de vía, esta vez en Porriño, puxo en alerta aos servizos de emerxencias.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia para informar do accidente que tivo lugar na A-52 cando o turismo circulaba á altura do punto quilométrico 305. Segundo puido saber o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, a persoa puido saír do vehículo polos seus propios medios.

Desde o 112 solicitouse a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño para refrixerar o vehículo que botaba algo de fume no momento do sinistro. Ademais, tamén pediuse a colaboración do persoal sanitario e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local para restablecer as condicións de seguridade na vía xunto so servizo de mantemento da estrada.

Camión envorcado en San Sadurniño

Ademais, un camión envorcou na AG-64, en concreto, no carril de incorporación en sentido Ortigueira, en San Sadurniño. Como conscuencia do impacto, o condutor resultou ferido, aínda que foi quen de saír polos seus propios medios do vehículo.

Así, a maiores da asistencia médica, ao lugar do sinistro acudiron os axentes da Garda Civil, que constataron a necesidade da intervención dos equipos de limpeza e mantemento para a retirada dos danos provocados polo accidente e o restablecemento das condicións de seguridade na vía. Deste xeito, o persoal do 112 Galicia informou ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Para rematar esta mañá accidentada, na AP-9, en sentido Puxeiros, ao seu paso polo túnel da Madroa, catro vehículos víronse implicados nun choque en cadea no que, por fortuna, ninguén resultou ferido.