O Congreso aproba a proposición de en Marea para abrir as vías de servizo na N-634 en Curtis e mellorar interseccións

A deputada Alexandra Fernández criticou a deixación de Fomento que está a incumprir a normativa da Xunta en materia de incendios dado que a lei obriga a que haxa unha distancia de separación das árbores respeito á estrada.
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de En Marea,Política

O Congreso aproba a proposición de en Marea para abrir as vías de servizo na N-634 en Curtis e mellorar interseccións

A Comisión de Seguridade Vial do Congreso deu luz verde este mediodía á proposición non de lei de En Marea para que se proceda á apertura urxente das vías de servizo na N-634 ao seu paso por Curtis, realizando previamente labores de mantemento, e se fagan actuacións de mellora nas intersecións do vial.

A iniciativa da deputada de En Marea, Alexandra Fernández, recibiu 25 votos a favor e contou coas 9 abstencións do grupo socialista. Fernández acordou unha transación do grupo popular dada a falla de compromisos concretos por parte do grupo socialista, agora no Goberno. Lamentou que “o cambio de posición cando se asume o Goberno” e destacou que En Marea continuará a traer as demandas de Galicia ao Congreso sen rebaixas.

O acordo, que achegamos, recolle outras cuestións como a construción do acceso principal ao Polígono Industrial de Curtis-Teixeiro, entre outros.

Fomento está a vulnerar as normativas da Xunta en materia de incendios

Alexandra Fernández trasladou ao Congreso os problemas que presenta a N-634 ao seu paso polo municipio coruñés de Curtis. “Deficiencias que acumulan anos de espera sen que ningún Ministerio activase as medidas precisas”. Criticou as negativas do anterior Ministerio, en resposta a esta deputada, “limitándose a negar a sinistralidade deste vial para a continuación xustificar a falla de medidas para solventar unha situación de inseguridade vial que leva tempo sendo obxecto de denuncias por parte da veciñanza”. De feito, en 2017 perderon a vida catro persoas nesta estrada. “Se Fomento se molestase en falar cos habitantes desta área, diríanlle que “esa estrada mete medo”. Soporta un importante volumen de tráfico e calcúlase que mais de 9.00 vehículos pasan a diario por esta zona.

“O anterior Ministerio negou unha sinistralidade que dito departamento recoñecía anos atrás, chegando incluso a licitar un contrato de consultoría en 2005 para a construción de pasos inferiores, pasarelas peonís e vías de servizo nesa zona co obxectivo de reducir a súa accidentalidade”. Mais, lamentou, nunca se fixo nada. Salientou que “o punto máis problemático deste vial está no quilómetro 676, coñecido como cruce de Sesmonde, onde se produciu o maior número de accidentes mortais. É un exemplo da deixadez de Fomento”.

“A mesma deixadez que se observa nas cuestións que son a temática desta proposición. E a pesar de que Fomento teña dito o contrario en resposta a En Marea en abril pasado, as vías de servizo da N-634 en Curtis están nun pésimo estado de abandono debido á falla de actuacións. É doado comprobalo se conducen por alí. Verán que están ocupadas por masas arbóreas que en moitas ocasións rozan aos vehículos ao seu paso. Fomento está a incumprir a normativa da Xunta en materia de incendios posto que por lei, debe haber unha distancia de separación das árbores respeito á estrada. O Ministerio ten a obriga de limpar as vías de servizo e dar cumprimento ao contemplado na Lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, e a Lei 3/2012 de Montes”.  Neste sentido, tamén recalcou a falla de iniciativa por parte da Xunta que en ningún momento exixiu o cumprimento da lei.

Neste sentido, Fernández enfatizou que a Administración do estado non pode situarse nun estatus diferente ao que se lle exixe aos particulares de fincas, aos que a lei obriga a eliminar a masa arborada respeitando unha distancia de 10 metros. Puxo sobre a mesa a demanda dos veciños e das veciñas: que se abran as vías de servizo a ambos lados da N-634, “iniciativa que posibilitaría o tránsito dos vehículos agrícolas evitando así que teñan que circular pola estrada. E previamente Fomento tería que levar a cabo as pertinentes actuacións de limpeza”.

Outra das solicitudes é a necesidade de mellorar as intersecións da N-634 cos viais municipais, mediantes a creación de carrís de incorporación, mellora da sinalización para ter maior visibilidade e mais seguridade. “A mellora pasa pola adecuación destes cruces para que conten con pequenos carrís de incorporación. Ademáis, dispónse dos terreos para facelo, son as áreas de servizo”.