O congreso Galicia-Bretaña, organizado polo consello da cultura, compara a realidade das dúas rexións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura do congreso
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Cultura

O congreso Galicia-Bretaña, organizado polo consello da cultura, compara a realidade das dúas rexións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, canda o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o reitor da Universidade de Rennes, Olivier David, participou esta mañá na sede compostelá do devandito Consello na inauguración do congreso “Galicia-Bretaña: Un enfoque comparado de dous finisterrae europeos”.

Un encontro que reunirá desde hoxe e até o mércores a especialistas que abordarán cun enfoque comparatista a realidade destas dúas rexións, servindo, en palabras de Román Rodríguez “para debater e actualizar o estado da cuestión das relacións, analoxías e intereses comúns que sen dúbida temos bretóns e galegos.”

Así mesmo, Rodríguez destacou na súa intervención os múltiples vencellos literarios, xeográficos, artísticos e musicais existentes entre ámbalas dúas rexións, destacando que este traballo comparatista debera ter “unha visión práctica”, lembrando que desde os distintos eidos de investigación “podemos e debemos influír positivamente no desenvolvemento social e os problemas e retos actuais.”

O conselleiro concluíu a súa intervención destacando “o papel que de xeito cotián xoga no desenvolvemento de Galicia o Consello da Cultura.” “Un papel ‒subliñou‒ en moitos casos silandeiro e discreto, pero impagable pola súa calidade e rigor.” O programa completo do congreso pode consultarse no web do Consello da Cultura Galega.