O Congreso Internacional de Agroecoloxía será o primeiro simposio en liña dentro do Campus Remoto

O prazo de inscrición como público manterase aberto ata o 30 deste mes
Publicado por o día 26/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Congreso Internacional de Agroecoloxía será o primeiro simposio en liña dentro do Campus Remoto

O Congreso Internacional de Agroecoloxía, que ía ter lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a vindeira semana, converterase no primeiro que se desenvolva de xeito virtual no Campus Remoto da UVigo. Organizado polo grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, esta oitava edición do simposio tivo que facer fronte á nova situación derivada da pandemia da covid-19 e optouse por continuar co evento, pero en modalidade en liña, e ampliar un día o programa. Así o congreso arrancará un día antes do previsto inicialmente, o día 1 de xullo e estenderase ata o día 3 de xullo.

Xavier Simón, investigador principal do GIEEAH, recoñece que esta situación sobrevida de virtualidade tivo como consecuencia a maior cifra de inscritos da historia do congreso, 250 persoas de países como Brasil, México, Ecuador, Paraguai, Venezuela, Chile, Arxentina, Colombia, Reino Unido, Francia, Italia e Portugal, ademais dunha ampla representación de case todas os territorios do Estado español, “onde a agroecoloxía está viva e tense convertido nun sistema de defensa do medio ambiente, das comunidades rurais e da xustiza social para todos os participantes no sistema alimentario”, puntualiza Simón. O prazo de inscrición como público manterase aberto ata o 30 deste mes.

No congreso, no que colabora o Núcleo Agroecológico da Universidade Federal Rural de Pernambuco (Brasil), daranse cita representantes de 80 centros de investigación e entidades colectivas públicas e privadas, de asociacións e cooperativas, profesionais do sector, etc. para tratar de establecer unha liñas xerais para atopar solucións políticas que axuden a acadar un sistema alimentario sostible. En total, ao longo de máis de seis meses, e coa ameaza da cancelación como consecuencia da covid-19, presentáronse 200 traballos, dos que finalmente foron seleccionados 120 presentacións orais e pósters.

Un edificio virtual para congresos e exposicións

O VIII Congreso Internacional de Agroecoloxía  será o primeiro congreso realizado en liña dentro do Campus Remoto da UVigo, un fito que requiriu da implicación de moitos eidos da comunidade universitaria. Como avanza Simón, “estase construíndo un edificio virtual de congresos e exposicións” e este simposio será o primeiro en empregalo. Neste sentido, agradece a “colaboración total” da Vicerreitoría de Planificación e dos técnicos de UVigoTv e dos responsables do software do Campus Remoto en xeral e deste edificio de congresos, en particular. O coordinador do congreso recoñece que “é un reto moi importante para todos e todas e eu non podo senón estar moi contento co apoio recibido e satisfeito cos resultados finais”.

120 comunicacións. A covid-19 entra no programa

Ao longo dos tres días de celebración do congreso vanse presentar 120 comunicacións artelladas arredor de nove áreas temáticas relacionadas coas políticas alimentarias para a sustentabilidade, tanto dende a dimensión política, como dende a dimensión socioeconómica e a técnico-produtiva. Así, abordaranse temas como as políticas públicas para escalar as iniciativas agroecolóxicas, a gobernanza do sistema alimentario, as institucións públicas como demandantes de alimentos, as novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade, o papel da ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía, os feminismos e a agroecoloxía, o manexo agroecolóxico de sistemas agro-gandeiros e forestais, as estratexias para a conservación da biodiversidade e a cadea agroalimentaria, distribución, conservación e residuos alimentares.

O agroecólogo Steve Gliessman será un dos dous oradores principais desta oitava edición do congreso, un experto cunha longa traxectoria que foi quen de integrar ciencia, práctica e activismo social. Xunto con el, Emma Siliprandi, agroecóloga, pioneira da agroecoloxía feminista e oficial de agricultura da FAO, ofrecerá un relatorio sobre a agroecoloxía na axenda internacional e as reflexións a partir das experiencias en curso.

Ademais realizaranse seis mesas de debate sobre políticas alimentarias, gandería extensiva, feminismo, sostibilidade empresarial e o rol da agroecoloxía para deter o avance dos totalitarismos. O programa comprende tamén catro obradoiros de discusión, nos que entra tamén inevitablemente a actual situación de pandemia. Así, ademais dos talleres sobre temas tan relevantes como as estratexias de difusión da agroecoloxía; o antiespecismo e a loita pola igualdade e o diálogo sobre a loxística agroecolóxica nos sistemas territorializados, tamén terá lugar outro sobre agroecoloxía e feminismos en tempos da covid-19, no que se presentarán varias respostas agroecolóxicas á pandemia.