O conselleiro de Sanidade destacou que o plan director do CHUF é “o maior investimento sanitario da área de Ferrol na súa historia”

Jesús Vázquez Almuiña afirmou isto durante a súa visita á nova Lavandería, que “é unha das mellores lavanderías que hai agora mesmo no territorio nacional no ámbito hospitalario”, e que forma parte da Fase 0 do Plan
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Ferrol,Galicia,Sanidad

O conselleiro de Sanidade destacou que o plan director do CHUF é “o maior investimento sanitario da área de Ferrol na súa historia”

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou que o Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) é “o maior investimento sanitario da área de Ferrol de toda a historia”. E engadiu, a partir do 1 de outubro, entramos xa na fase 1 do plan estratéxico que vai facer dous novos edificios no Marcide, e na que se invisten 50 millóns, da totalidade do Plan, que son 130 millóns”. Polo tanto, remataba, “a área sanitaria de Ferrol, en moi pouco tempo, vai ter un dos mellores servizos sanitarios de toda España”. O titular de Sanidade afirmaba isto esta mañá, na súa visita á nova lavandería da Xerencia Integrada de Ferrol, emprazada no andar soto do Hospital Naval do Complexo Universitario e que comezaba a funcionar xa neste totalmente renovado espazo, o pasado mércores 18 de setembro.

O titular de Sanidade percorreu os novos circuítos de traballo e subliñou a relevancia dun servizo básico como é este que se ocupa de lavar máis de 2.400.000 prendas nun ano, e que, como remarcou Vázquez Almuiña, pode “incrementar a un 25% máis”; e subliñou “é unha das mellores lavanderías que hai agora mesmo no territorio nacional no ámbito hospitalario, con tódalas innovacións tecnolóxicas, un investimento total de 2.700.000 euros”, e que “dá cobertura para toda a área sanitaria de Ferrol”.

Durante a visita, tivo unha especial mención para os e as profesionais, “quero felicitar precisamente ós profesionais, ós traballadores deste servizo, polo grande esforzo que teñen feito durante todos estes anos, e agora tamén no cambio”. Destacou tamén que se produce unha diminución de calor e ruídos para o persoal, co cal van poder traballar dunha forma máis agradable” e, “dende o punto de vista medioambiental, prodúcese un aforro enerxético moi importante”.

Lavandería da área sanitaria de Ferrol

Lembrar que entre as cuestións máis destacables da nova Lavandería figura que se duplican os espazos e áreas de traballo, pasando dos 665 metros cadrados cos que contaba, ós 1.331 metros cadrados actuais. Esta amplitude permite polo tanto o traballo en mellores condicións xerais, tecnolóxicas, ambientais e de iluminación. Investiuse un total de 2.784.334 euros nesta nova lavandería, incluíndo a máis completa instalación e a posta en marcha dos servizos correspondentes. A maquinaria é case na súa totalidade totalmente nova. Supón un importante avance dende o punto de vista tecnolóxico pasando a unha lavandería industrializada, modernizada e con procesos máis automatizados.

De feito, como resumo, pásase de lavadoras e secadoras individuais a un túnel de lavado e un túnel de secado, ademais de dúas máquinas de encartado. O Servizo de Lavandería da Xerencia Integrada de Ferrol distribúe a roupa e a lencería á totalidade da área sanitaria, complexo hospitalario, puntos de atención continuada e centros de saúde. Un total de 38 traballadores facilitan que se acondicionen unha media diaria de 4.500 quilos de roupa e lencería.

Melloras nas distintas áreas da Lavandería

Son, polo tanto, un total de 1.331 metros cadrados nos que hai unha área de lavado, unha de secado, de prancha e encarte; unha de costura; e as zonas de descanso do persoal, aseos, almacéns, oficinas e salas técnicas. O cambio cualitativo máis importante é a introdución do túnel de lavado. As sete lavadoras coas que contaba a anterior lavandería substitúense por un túnel de lavado e tres lavadoras que se manteñen. O túnel de lavado ten unha capacidade de procesado de entre 600 a 700 quilos a hora dependendo do tipo de programa e roupa.

Unha vez que a roupa sae lavada dese túnel, xa vai de xeito automático á prensa onde se elimina unha importante porcentaxe de auga. E de aí ó proceso de secado, onde se fai un primeiro desliado da roupa e, na cinta de clasificación, sepáranse as diferentes prendas. Este é outro dos puntos novos, o túnel de secado de roupa denominado de forma (uniformes e roupa de pacientes). Antes había oito secadoras, e agora tres e un túnel de secado. Xunto con isto, dúas novas máquinas de encarte, unha de toallas e outra de roupa de forma, facilitan esta tarefa, que antes era manual.

Hai outra novidade tamén con respecto ás máquinas de prancha da roupa plana (sabas, colchas ou almofadas); ata a data, dispúñase de dúas máquinas de prancha (calandras) dun rodete e introdución manual. Na nova lavandería, disporase de dúas máquinas de prancha, pero unha delas con dous rodetes e introdutores, o que duplica a velocidade de procesado. Por último, no que se refire a área de costura, conservan tres máquinas de coser, e incorpóranse dúas novas máquinas e unha remalladora. Pásase, polo tanto, de seis máquinas a cinco, ademais da remalladora, entre outras cuestións.