O conselleiro de Sanidade salienta o compromiso coa mellora constante na atención á cidadanía na presentación de dúas novas unidades móbiles de ADOS

Os vehículos, que renovan o parque móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, prestarán servizo de xeito inmediato nas bisbarras de Pontevedra e de Santiago de Compostela
Por o 05/12/2018 | Sección: Sanidad
O conselleiro de Sanidade salienta o compromiso coa mellora constante na atención á cidadanía na presentación de dúas novas unidades móbiles de ADOS

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ratificou o constante compromiso coa mellora no servizo aos usuarios e usuarias do noso sistema público de saúde e, especialmente, cos doadores e doadoras de sangue, no transcurso do acto de presentación de dúas novas unidades móbiles de Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O acto tivo lugar na Praza do Obradoiro e contou coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e da directora da Axencia, Marisa López García.

Almuiña salientou a importante partida orzamentaria, que ascendeu a 561.440 euros, que supuxo a adquisición, mediante concurso público, destes dous vehículos que renovan o actual parque móbil de ADOS, e que comezarán a prestar servizo, de xeito inmediato, nas bisbarras de Pontevedra e Santiago de Compostela.

Autonomía e comodidade

Os novos vehículos dispoñen de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que os cidadáns podan realizar a súa doazón de sangue. Neste sentido, salientar que se teñen reforzado todos os equipamentos de seguridade, tanto activa como pasiva, que se poden ofrecer na actualidade, así como importantes melloras relativas á climatización e insonorización do interior da unidade móbil, co obxectivo de garantir a máxima comodidade.

Así mesmo, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estarán divididas en tres espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha área de refrixerio. Salientar que as dúas unidades móbiles teñen sido rotuladas exteriormente dun xeito totalmente innovador polo que, por si mesmas, convidan aos cidadáns a participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, tal e como sinala o lema da campaña de ADOS, “Súmate ao noso equipo”.

Tanto o conselleiro de Sanidade como a directora de ADOS coincidiron en poñer de manifesto a importancia da mellora na prestación do servizo aos cidadáns mediante a contratación destas novas unidades móbiles, lembrando que, na actualidade, case o 86% das preto de 109.000 doazóns de sangue que se recollen anualmente en Galicia, rexístranse nestes vehículos.

Neste punto, quixeron convidar a toda a cidadanía a achegarse no transcurso dos vindeiros día a doar sangue nestes vehículos, xa que todos os días do ano precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir axeitadamente todas as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.