O conselleiro de Sanidade subliña a importancia de fomentar unha conciencia solidaria favorable á doazón e o transplante entre o alumnado galego co gallo

Jesús Vázquez Almuiña presidiu hoxe o acto de entrega dos premios aos galardoados no I Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa doazón e o transplante, que contou co patrocinio de GADIS
Por o 06/06/2018 | Sección: Sanidad,Xunta de Galicia
O conselleiro de Sanidade subliña a importancia de fomentar unha conciencia solidaria favorable á doazón e o transplante entre o alumnado galego co gallo
Compartir en:

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu, xunto con Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a entrega de premios aos gañadores do I Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa doazón e os transplantes, que tivo lugar hoxe co gallo da conmemoración do Día Nacional do Doador, dedicado especialmente este ano á doazón entre vivos.

Almuiña salientou a importancia de continuar traballado arreo a prol da creación dunha conciencia solidaria favorable á doazón e o transplante, especialmente nos distintos niveis educativos e que achegan esta realidade sanitaria e social aos más novos.

Promoción educativa

O conselleiro de Sanidade salientou o especial esforzo que se está a facer desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS por achegar información relativa a doazón e o transplante aos escolares galegos, desenvolvendo iniciativas como esta primeira edición do concurso de carteis, que contou co decidido apoio e patrocinio de GADIS, unha empresa referente no noso tecido empresarial e comercial.

Almuiña lembrou que, no transcurso dos últimos dez anos, impartíronse un total de 1.004 charlas e 51.024 alumnos e alumnas da diferentes centros educativos da comunidade autónoma galega, de 123 concellos diferentes, recibiron información sobre a doazón e os transplantes. As enquisas realizadas ao remate das charlas mostraron que o 86% doarían os seus órganos tras falecer, e o 97% respectarían a decisión de doar expresada en vida por un familiar. Isto pon de manifesto a importancia de informar, educar e invitar a que a cidadanía manifeste a súa decisión.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu a todos os membros da comunidade educativa, especialmente docentes e centros escolares, o esforzo e interese amosado para crear unha conciencia proclive á doazón de sangue, e felicitou aos participantes no certame de carteis pola súa especial sensibilidade a prol deste xesto solidario.

Así mesmo, o conselleiro quixo resaltar que todo o traballo en favor do fomento da doazón de órganos, así como o esforzo desenvolvido polo sistema público de saúde de Galicia e o compromiso cidadán, teñen permitido que, no pasado ano, Galicia acadase unha cifra récord con 340 transplantes. Neste sentido, Almuiña quixo poñer en valor o compromiso e xenerosidade dos doantes e das súas familias.

Premiados

Nesta primeira edición do concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e o transplante, resultaron premiados nas categorías de quinto e sexto de educación primaria e primeiro ciclo de ESO, os traballos “Ven do-ar, reparte vida” de Daniel González González (CEIP Castrelo de Miño) e “Decide, ofrece, actúa, Doa”, de Irene Jardón Castro (IES Carlos Casares), respectivamente.

Así mesmo, o traballo “A vida está en xogo. Elixe sempre doar”, de Paula Fernández Collazo (CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo) e “Acelera o motor da vida. Doa”, de Area García López (IES Carlos Casares de Vigo), acadaron os segundos premios, respectivamente, nas categorías de quinto e sexto de educación primaria e primeiro ciclo de ESO.

O acto, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia, contou, ademais, coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; da responsable da Coordinación de Autonómica de Transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño; e de Antonio Cortés, director de marketing de GADISA, empresa patrocinadora do certame.