O Consello da Cultura Galega recibe o dossier da solicitude do recoñecemento BIC para as alfombras florais

O Alcalde de Ponteaeras entrega ao presidente do Consello da Cultura Galega o dossier da solicitude BIC Inmaterial para as alfombras florais de Corpus
Por o 31/05/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
O Consello da Cultura Galega recibe o dossier da solicitude do recoñecemento BIC para as alfombras florais
Compartir en:

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, reuníuse hoxe co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para entregarlle en man o dossier da solicitude do recoñecemento BIC (Ben de Interes Cultural) Inmaterial.

Logo de que a concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, lle trasladara á dirección xeral da Consellería de Cultura a solicitude, o goberno local segue a traballar para que todas as institucións implicadas na toma da decisión e na valoración da proposta dispoñan da información e documentación precisa.

O Consello da Cultura Galega puido coñecer da man do Alcalde todas as peculiaridades da nosa festa de interese turístico internacional que conta con máis de 160 anos de historia documentada e con todos os requisitos necesarios para ser declarado Ben de Interese Cultural Inmaterial.

Pola súa tradición, por ser o pobo o portador e transmisor, pola técnica, polos materiais e pola singularidade desta arte floral, as alfombras de Ponteareas reúnen as condicións requeridas para obter maiores e novos recoñecementos, motivo polo que o goberno da este novo paso diante dun organismo que se encargará de estudar e valorar a proposta ao ser un órgano de obrigada consulta para obter este recoñecemento.

O Alcalde de Ponteareas adiantou a Villares a súa intención de seguir dando pasos para obter todos os recoñecementos posibles para as alfombras florais de Ponteareas que son para este goberno algo máis que tradición, son un arte consagrada que reúne creatividade, técnica, diversidade e calidade de materiais e a coordinación dun equipo humano que traballa de xeito desinteresado.