O Consello de Goberno aproba unha Oferta de Emprego Público e Promoción do PAS que reduce a taxa de temporalidade por debaixo do 8%

Reigosa confirmou a negativa da Xunta á implantación do Grao en Deseño e Creación o vindeiro curso
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Consello de Goberno aproba unha Oferta de Emprego Público e Promoción do PAS que reduce a taxa de temporalidade por debaixo do 8%

Unha Oferta de Emprego Público (OEP) para o ano 2019 de 55 prazas de Persoal de Administración e Servizos (PAS) funcionario e 25 de PAS laboral aprobou este mediodía por maioría o Consello de Goberno da Universidade de Vigo. Con 22 votos a favor e dúas abstencións, as e os integrantes do órgano de goberno da institución académica aprobaron unha OEP que no caso do PAS funcionario inclúe 36 prazas correspondentes á taxa adicional para estabilización do emprego; 13 de promoción interna independente; cinco de taxa de reposición e unha de persoal indefinido non fixo. No caso do PAS laboral, das 25 prazas, 21 corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego; tres a promoción interna independente e unha a persoal indefinido non fixo. A aprobación da convocatoria do programa de captación de talento investigador de excelencia para este ano e os modelos de gobernanza dos campus de especialización, foron outras cuestións que este mediodía recibiron o visto e prace dos membros do Consello de Goberno.

Na sesión ordinaria que se celebrou este xoves na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o reitor avanzou ás e aos membros do órgano de goberno a recepción nas últimas horas dun informe da Xunta sobre o Grao en Deseño e Creación, “que vai facer imposible que a titulación se implante o vindeiro curso. Loxicamente imos ter un prazo adicional para facer modificacións profundas sobre a memoria e esperamos que o seguinte curso si que podamos implantalo”, explicou. En relación co Máster en Enxeñaría Aeronáutica, Reigosa confirmou que a Xunta informou onte da obrigatoriedade de contar coa Universidade de A Coruña para impartilo, “pero ao tempo dá a primacía á nosa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo”. O reitor avanzou que en breve se reunirá coa dirección do centro para abordar esta cuestión e confirmou que a Reitoría “vai esgotar todas as posibilidades para que se implante o vindeiro curso en beneficio dos estudantes que este curso rematan o grao. Creo que sería un obxectivo moi desexable”, dixo.

Reigosa, que comezou a súa intervención manifestando o seu pesar polo falecemento do ex alcalde de Vigo, Manoel Soto, felicitou aos representantes sindicais elixidos nas últimas horas nas eleccións do PAS laboral da Universidade de Vigo nas que en Pontevedra CCOO acadou seis representantes, CIG cinco e UGT dous, mentres que en Ourense CIG sumou cinco representantes. O reitor tamén deu conta no seu informe dos nomeamentos da docente e investigadora do Departamento de Dereito Privado María José Bravo Bosch como directora da Inspección de Servizos, consonte ao recollido nos Estatutos da Universidade de Vigo, e da catedrática do Departamento de Análise e intervención psicosocioeducativa Francisca Fariña Rivera como directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos. Reigosa tamén confirmou, “tras moitas negociacións” da continuidade en Vigo do Laboratorio Europeo de Biotoxinas Mariñas, que dirixe a docente e investigadora do Departamento de Química analítica e alimentaria da Universidade de Vigo Ana Gago, á que felicitou polo traballo que está a desenvolver.

Unha OEP a prol da consolidación do emprego temporal

Un total de 80 prazas, 55 de PAS funcionario, e 25 de PAS laboral, inclúe a Oferta de Emprego Público da Universidade de Vigo para 2019 aprobada hoxe polo Consello de Goberno. A proposta acadou o apoio de 22 integrantes do órgano de goberno, mentres outros dous se abstiveron (o representante da CIG do Comité de Empresa de Pontevedra, Carlos Mollinedo e a decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda), mentres que Luis Pérez Gómez representante do comité de empresa do campus de Ourense, con voz, pero sen voto no Consello, manifestou o seu total rexeitamento á OEP por considerala “moi mellorable”, ao tempo que lamentou que a negociación entre a Xerencia e os representantes sindicais se desenvolvese durante un proceso electoral.

A xerenta da Universidade de Vigo, Raquel Souto García, foi a encargada de debullar ante os membros do Consello o acordo acadado coas e cos representantes do PAS, que contou co visto e prace da Xunta. “A OEP para 2019, complementando a OEP de 2018, fundaméntase primordialmente na procura da consolidación do emprego temporal, en virtude do proceso de estabilización previsto no artigo 19.un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018. No marco desta política ofértanse na OEP de 2019 un total de 57 prazas no proceso de estabilización: 36 de PAS funcionario e 21 do PAS laboral. Se lle engadimos ás 13 prazas de estabilización da OEP 2018, todas de PAS laboral, totalizamos 70 das relacionadas na Relación de Postos de Traballo (RPT) o que nos permite reducir a taxa de temporalidade no colectivo PAS da Universidade por debaixo do 8% previsto na Lei 6/2018. Isto debe considerarse un éxito da institución”, explica Souto. En canto á taxa de reposición de efectivos aplicando os criterios estipulados no punto un.7 do artigo 19.un.2 da Lei 6/2018, en base ás cinco baixas producidas nos PAS en 2018, ofértase o 100% das vacantes xeradas nesta taxa. Mentres, no caso das promoción interna ofértanse 13 prazas de PAS funcionario e tres de PAS laboral.

A xerenta, Raquel Souto e o vicexerente de Recursos Humanos, José González Groba, destacan así mesmo “o clima de cordialidade e entendemento no que se desenvolveu o proceso de negociación, o que permitiu chegar a acordos, tanto cos representantes do PAS laboral como funcionario, con relativa facilidade, agás pequenas discrepancias entre os propios representantes do PAS laboral respecto á distribución das prazas provistas por promoción interna”. Case 800 persoas, das que un 60% son mulleres, integran o PAS da Universidade de Vigo.

Na procura dunha investigadora ou investigador altamente citado

Por asentimento, o Consello de Goberno aprobou a convocatoria do programa de captación de talento investigador de excelencia para 2019 co obxectivo de incorporar á institución unha investigadora ou investigador, segundo explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio Armesto, “que sexa altamente citado, senón non podería optar á convocatoria. Isto é unha garantía de talento, ten relevancia desde o punto de vista da súa investigacion e ademais garante que teñamos un financiamento extra por parte da Xunta e ten moitas máis posibilidades de acadar un Ramón Cajal e darlle continuidade ao seu traballo”. O programa aprobado hoxe ofrece un contrato de tres anos de duración a tempo completo prorrogable por dous anos e posibilidade de prórrogas adicionais de cinco anos na modalidade de investigador distinguido. Rubio sinala que “buscamos todos os parámetros que conteñen os rankings, porque se captas catro investigadores altamente citados subes case 100 postos no ránking porque hai moi poucos no mundo”, explica.

Na sesión deste xoves, na que se deu luz verde á normativa de xestión académica para titulacións reguladas polo Real Decreto 1393/2007, tamén se aprobaron os modelos de gobernanza de Campus da Auga e do Campus de Especialización CREA e a creación do comité de dirección para o campus de especialización Vigo Tecnolóxico. A vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, e a vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas, explicaron a conformación dos comités de dirección dos tres campus de especialización, que se atopan neste intre nun proceso de acreditación por parte da Xunta de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.