O Consello Nacional de CCOO cuestiona o proxecto de orzamentos da Xunta para o 2020

Non aproveita a medra da actividade para reverter os recortes da fase aguda da austeridade
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de CC.OO,Sindicatos

O Consello Nacional de CCOO cuestiona o proxecto de orzamentos da Xunta para o 2020

O Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) aprobou onte o informe do secretario xeral, no que se recolle o cuestionamento desta organización ao proxecto de orzamentos da Xunta. Para o sindicato, son uns orzamentos continuístas dos de anos anteriores, insuficientes para afrontar a desaceleración da actividade económica e a grave crise industrial que sofre o noso país.

CCOO non apoia as rebaixas fiscais para as rendas máis altas, pois detrae do orzamento recursos que se deberían destinar a mellorar o feble estado do benestar. “Isto non é unha decisión económica, senón ideolóxica”, sinalou o secretario xeral, Ramón Sarmiento.

As cifras macroeconómicas “ofrecen a falsa aparencia dun contexto económico e social recuperado”, apuntou o dirixente sindical: a economía medra, pero agrándase a fractura que a crise −sobre todo as políticas aplicadas para superala− provocou no tecido produtivo e na sociedade galega.

Non son uns orzamentos expansivos

Estes orzamentos non son expansivos, como se anuncia, porque prevén que o gasto non financeiro medre por baixo do crecemento nominal do PIB previsto para 2020. É un incremento insuficiente para a situación de debilidade actual e tampouco aproveita a medra da actividade para reverter os recortes da fase aguda da austeridade. Para iso necesítanse orzamentos que aumenten significativamente por riba do 3,1 % de crecemento nominal da economía previsto para 2020, e que o fagan de xeito sostido no tempo.

Para CCOO, é alarmante comprobar que non hai nos orzamentos unha alternativa de crecemento económico para substituír o tirón que viña exercendo a demanda externa nos últimos anos. Aínda peor, porfían na estratexia neoliberal de perda de relevancia do sector público na economía, cun crecemento dos investimentos reais 1,1 puntos por baixo do crecemento xeral do gasto non financeiro. Isto non vai axudar a imprimir o pulo que necesita a economía galega.

Contexto económico

A economía mundial amosa síntomas de desaceleración e incertezas no horizonte, tales como o impacto do Brexit ou da guerra comercial, que poden desembocar nunha recesión. No conxunto dos países da Unión Europea e da zona euro, o crecemento segue a ser débil (1 % e 1,2 %, respectivamente) e con notables diferenzas entre países. España amosa unha maior fortaleza crecendo un 2,3 % mentres que Alemaña está ao bordo da recesión, con taxas de crecemento negativas.

Situación similar experimenta a economía galega, que rexistra unha medra interanual do 2 % no segundo trimestre de 2019. Malia que supera a zona europea, é inferior ao crecemento medio da economía española (2,3 %) e á rexistrada no mesmo período do ano anterior (2,9 %), continuando coa desaceleración no ritmo de crecemento iniciada no 2018.

O PIB aumenta neste trimestre impulsado só pola demanda interna, xa que a externa encadea cinco trimestres de achegas negativas. A demanda interna medra polo incremento do gasto das familias nun 3,5 %, así como polo investimento, que o fai un 4,1 %. O sector exterior ten unha achega negativa de 1,3 puntos ao PIB, xa que por terceiro trimestre consecutivo se reducen tanto as exportacións (un 8,6 %) como as importacións (un 6,6 %) cando, no conxunto do Estado, o sector exterior ten unha achega positiva no que vai de 2019.

A industria perde peso no PIB

Atendendo á evolución sectorial, medra o PIB de todos sectores, agás a industria, que se contrae un 2,1 % no seu conxunto. O sector primario incrementa o seu PIB un 0,2 % e os servizos un 2,8 %. A construción, cun 5,5 % de crecemento interanual, sitúase como o sector máis dinámico da economía galega. En relación coas achegas que cada sector fai ao PIB, cómpre destacar que a industria manufactureira achega o 13,7 % do PIB, os servizos públicos (administracións públicas, sanidade e ensino) un 19,1 % e o comercio, transporte e hostalería un 25 %. Antes da crise, o sector manufactureiro supuña o 16,1 % do PIB e as actividades dos servizos citadas, un 22,6 %.

Aumenta a precariedade laboral

A moderación no ritmo de crecemento da actividade ten a súa translación ao mercado laboral que, sen rexistrar taxas negativas, amosa signos de esgotamento na súa evolución anual. O emprego aumenta en 6900 persoas no terceiro trimestre de 2019 respecto ao trimestre anterior (un 0,63 %). Este incremento é significativamente inferior ao de anos anteriores: no mesmo trimestre de 2018 creábanse 20 700 postos de traballo e en 2017 foran 23 600. Tamén é moito menor que o rexistrado no Estado (un 1,77 %).

Hai 1 105 700 persoas traballando, pero aínda quedan por recuperar 110 700 empregos para que Galicia recupere os valores de hai dez anos. Hai 243 000 persoas traballando cun contratos temporal (un 51 % son mulleres) e o groso destes son de ínfima duración. Ademais, 150 000 persoas traballan a tempo parcial, das cales un 75 % son mulleres. Algo máis da metade (52,7 %) das persoas con xornada parcial declararon facelo porque non atoparon un traballo a xornada completa.

En comparación co segundo trimestre de 2019, créase emprego en todos os sectores agás nos servizos. Con todo, sete de cada dez empregos galegos pertencen aos servizos, dous á industria e un á construción. Malia a positiva evolución, o desemprego segue sendo un problema social en Galicia, pois afecta, segundo a EPA, a 143 500 persoas (63 700 homes e 79 700 mulleres). Aínda é máis grave se temos en conta que o 39 % son persoas desempregadas de longa duración. A taxa de paro galega é do 11,5 % (9,8 % nos homes e 13,3 % mulleres), pero sobe ao 20,3 % entre as persoas menores de 30 anos.

A crise, as reformas laborais, a ausencia de políticas que apoien o tecido produtivo e a carencia dunha rede de protección social para as persoas debuxan unha Galicia máis desigual e pobre na que 542.892 persoas viven por baixo do limiar da pobreza (8871 euros para unha persoa soa). Reviste especial gravidade a situación das 30.943 persoas en situación de exclusión social.

Contexto político

Canto ao contexto político, o informe xeral que aprobou o Consello Nacional de CCOO congratúlase de que haxa posibilidades certas de que no Estado se conforme un Goberno de progreso que aplique políticas de vertebración, que loite contra a desigualdade, que afronte os problemas territoriais e de financiamento, que reforme a fiscalidade e que garanta o sistema público de pensións.

Salienta, en Galicia, a madurez da nosa sociedade, que non deu representación a unha opción de ultradereita, situada fóra do marco constitucional e abandeirada dun discurso xenófobo, misóxino e antisocial que mesmo cuestiona o dereito ao autogoberno do noso país.

Os datos electorais de Galicia revelan unha maioría de voto ás opcións progresistas, que se traduce en trece deputados e deputadas fronte aos dez representantes que obtivo a dereita.