O Conservatorio de Música da Guarda luce novos murais de pintura

Publicado por o día 15/01/2020 na sección de A Guarda,Galicia

O Conservatorio de Música da Guarda luce novos murais de pintura

A pasada semana remataron os traballos de pintado de varios murais do primeiro andar do Conservatorio Elemental de Música da Guarda, obra da artista local Tamara Baz.

A Concelleira delegada do Conservatorio de Música, Mª Elena Baz, visitou xunto coa artista o remate destes traballos, que consistiron na realización de varios murais no primeiro andar do Conservatorio con imaxes de instrumentos, valorando esta actuación como «espléndida», dando os parabéns á artista e convidando á cidadanía a implicar á xuventude na cultura musical e a formarse musicalmente no Conservatorio de Música da Guarda.

O pintado destes murais iniciouse o pasado ano coa colaboración de Tamara Baz co pintado da entreplanta, aproveitando o pintado xeral deste edificio para darlle un ambiente máis cálido e confortable.

O Conservatorio de Música Elemental da Guarda atópase na Rúa Vigo, na traseira do Pavillón Municipal da Guarda, na actualidade imparte formación musical de frauta travesera, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, guitarra eléctrica y clásica, piano, violín, viola, gaita e percusión.  Todos os interesados poden ampliar información sobre o  Conservatorio de Música Elemental da Guarda no número de teléfono 986 613 002 en horario de 15:00h a 21:00h.

O Conservatorio organiza todos os anos concertos didácticos, que teñen un fin educativo e serven para mostrar os instrumentos que se imparten no conservatorio e potenciar as ensinanzas musicais entre a xuventude da vila.

Tamén se realizan xornadas de portas abertas ás que poden asistir todos aqueles que estean interesados en probar ou coñecer os diferentes instrumentos que se imparten no conservatorio da Guarda.

Comentar noticia

Your email address will not be published.