O Consorcio Casco Vello de Vigo anuncia que iniciará de inmediato os trámites para a venda á zona franca da rúa real 27

O presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, reuniuse hoxe coa directiva de Down Vigo, á que lle manifestou a vontade do ente rehabilitador de axilizar a solicitude
Por o 29/01/2019 | Sección: Galicia,Vigo
O Consorcio Casco Vello de Vigo anuncia que iniciará de inmediato os trámites para a venda á zona franca da rúa real 27
Compartir en:

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe unha reunión coa directiva da Asociación Down Vigo, liderada pola súa presidenta, María del Carmen López Barrero, á que lle manifestou a vontade do ente rehabilitador de axilizar ao máximo os trámites requiridos para a venda á Zona Franca da edificación da rúa Real 27.

Segundo indicou López-Chaves, o delegado do Estado de Zona Franca, David Regades, remitiu o pasado venres unha carta á presidencia do Consorcio Casco Vello na que manifesta o seu interese pola adquisición deste inmoble, actualmente propiedade do CCVV e cedido desde o 2016 en dereito real de superficie a Down Vigo.

En canto ao contido da reunión, o presidente do organismo rehabilitador sinalou que, entre outras cuestións, se abordou a necesidade de que a devandita asociación renuncie previamente ao dereito de superficie que ten sobre o inmoble por 40 anos. Asemade, considerou que deberá exixirse a Zona Franca que fixe o destino do seu uso, co obxectivo de garantir o futuro alugueiro a Down Vigo.

López-Chaves mostrouse así disposto a iniciar de inmediato os trámites para a venda á Zona Franca deste edificio localizado no barrio histórico, sen actividade e demolido no seu interior. “Ao igual que vendimos inmobles a outras administracións, á Xunta de Galicia, á Universidade e ata o Colexio de Rexistradores da Propiedade, non lle vemos problema a esta operación que propón Zona Franca”, asegurou.

O titular do Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello, indicou que, unha vez a Down Vigo teña a confianza de que o inmoble será destinado a albergar a súa sede, “iniciaremos o expediente o antes posible”. “Para nós e unha ledicia que unha asociación tan activa e dinámica como esta, que presta un servizo de gran calado na cidade atendendo a máis de 200 persoas, poda construír a súa sede no casco histórico”, subliñou.

Dito isto, e tras indicar que se procederá a encargar a taxación da propiedade, insistiu en que toda vez que Down Vigo aprobe a renuncia na asemblea, elevarase ao Consello de Administración do Consorcio Casco Vello a venda da edificación da rúa Real 27 á Zona Franca para a súa aprobación definitiva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.