O Consorcio do Louro organiza a segunda xornada de portas abertas coincidindo co Día Mundial da Auga en Tui

Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Galicia,Tui

O Consorcio do Louro organiza a segunda xornada de portas abertas coincidindo co Día Mundial da Auga en Tui

O Consorcio de Augas do Louro celebrará a súa segunda xornada de portas abertas na estación depuradora de Guillarei o vindeiro xoves 22 de marzo, coincidindo co día mundial da auga.

Durante esta xornada realizarase a presentación do terceiro concurso de debuxo infantil, que este ano tratará sobre a potabilización co lema “A emocionante viaxe da auga dende a natureza ata a túa casa”. O premio para o gañador de cada Concello será unha Tablet Samsung de 7″ e para os finalistas unha cámara dixital acuática. Participarán os rapaces de 3º e 4º de educación primaria dos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, sendo o prazo de presentación dos debuxos o comprendido entre o 1 de Abril e o 20 de Maio.


A continuación, inaugurarase o novo domo xeodésico adaptado para acoller as visitas dos nenos aos que vai dirixido o concurso, que será utilizado para dar a coñecer as diferentes fases do ciclo da auga mediante vídeos explicativos.

Calquera persoa que estea interesada en visitar a sede do Consorcio e o funcionamento das instalacións, terá ao seu dispor dúas quendas de visita ás 10:30 da mañá e ás 16:30 horas da tarde.

É necesario achegarse ás instalacións media hora antes do inicio das visitas para recibir a información necesaria sobre as medidas de seguridade que deben respectarse durante o percorrido, que inclúe a entrada ás galerías subterráneas que comunican as diversas partes da depuradora.