O COTSG organiza un curso de Protección de Datos de carácter persoal nos servizos sociais en Redondela

Publicado por o día 23/10/2013 na sección de Formación

O COTSG organiza un curso de Protección de Datos de carácter persoal nos servizos sociais en Redondela

  O próximo día 7 de novembro comezará na Aula Cemit de Redondela, e enfocado ás persoas da área de Vigo, o curso de Protección de Datos de Carácter Persoal nos Servizos Sociais, que organiza o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. O obxectivo principal deste curso é o de facilitarlle ao alumnado unha formación específica en materias de protección de datos de carácter persoal nos servizos sociais, e está destinado a persoas colexiadas, mais tamén a outros profesionais titulados universitarios no eido social.

  A modalidade será mixta, con oito horas presenciais, que se desenvolverán en dúas xornadas o 7 de novembro e o 13 de decembro, e vinteoito horas en formato de teleformación. Segundo informa o COTSG, a docencia levarana a cabo a traballadora social, Mª Elena Puñal Romarís, tamén profesora titular da EUTS de Santiago de Compostela; e Santiago Míguez Caridad, avogado especialista en protección de datos de carácter persoal en servizos sociais.

 Os contidos vertebraranse en catro módulos principalmente: antes das recollidas dos datos, sobre verificación da inscrición de ficheiros e dereitos das persoas; durante o uso e conservación dos mesmos, coa aplicación de medidas de seguridade e regulación do seu acceso; a súa saída, coa cesión e período de conservación; e a súa aplicación práctica.

  A Presidenta do COTSG, Diana Parada Alvedro, insiste en que con estes contidos preténdese “proporcionar información e formación sobre os dereitos e deberes básicos das persoas usuarias e dos servizos sociais”, ao igual que “promover ás persoas asistentes uns criterios comúns en materias de protección de datos, ademais de recursos de referencia para resolver dúbidas” en particular da Agencia Española de Protección de Datos.

  O prezo para as persoas colexiadas en desemprego é de 49 euros, para persoas colexiadas en activo 69 euros, e para persoas non colexiadas no COTSG 89 euros, sendo o límite de prazo de inscrición o vindeiro 28 de outubro. Segundo o Colexio, os requisitos para a obtención do diploma é ter asistido ao 75% das horas presenciais e realizar e superar todas as actividades programadas pola docencia. Os interesados e interesadas poden mandar un correo electrónico a [email protected]

¿QUE E O COTSG?

 O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia nace para ser un instrumento de comunicación, información, documentación e prestación de servizos, tanto para as traballadoras e traballadores sociais como para a cidadanía. Como representante da profesión en Galicia, o Colexio asume un gran compromiso, non só coas persoas colexiadas, senón co conxunto da sociedade galega: traballar en prol duns servizos sociais públicos e de calidade, accesibles para toda a cidadanía. No ámbito interno, o Colexio vela pola boa práctica profesional e polo cumprimento do código deontolóxico;cara ao exterior, e como representante do colectivo especializado na acción social, asume un papel activo como axente do cambio social.

 Este compromiso é o alicerce sobre o que se fundamenta a labor do Colexio, apoiando ás traballadoras e aos traballadores sociais no seu labor, por medio da formación, do asesoramento e da colaboración como fórmulas de desenvolvemento profesional, para contribuír ao logro dos obxectivos en materia social da nosa profesió . A día de hoxe o COTSG conta con preto de 3.000 persoas colexiadas.

- Otros usuarios han visitado la sección: CURSOS EN VIGO