O coworking de Barro clausura a súa terceira edición como un programa consolidado de apoio ao talento

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial organizaron esta mañá unha xornada DemoDay na que se expuxeron os 20 proxectos participantes
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

O coworking de Barro clausura a súa terceira edición como un programa consolidado de apoio ao talento

“Na provincia de Pontevedra hai moito talento, pero hai que apoialo e darlle visibilidade, creando espazos como o coworking de Barro onde todo ese talento se poida desenvolver e dar lugar a ideas que contribuirán a crear emprego e a que teñamos unha sociedade mellor”. Así o asegurou o deputado Carlos López Font que, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e ao director de aceleración empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, clausurou esta mañá a terceira edición do programa, acto no que a EOI confirmou que a raíz destes trescoworkings creáronse na provincia máis de 50 empresas. Na xornada DemoDay os 20 proxectos emprendedores que participaron expuxeron ante o público as súas ideas de negocio, nun acto conducido por María Cheda, xornalista de Antena 3 Galicia.

Font asegurou que “este punto final é unha inmensa satisfacción xa que ter chegado a unha terceira edición significa que o coworking de Barro está consolidado” e porque “é un sinónimo de apoio ao emprendemento, á xeración de emprego e ás futuras pequenas e medianas empresas”. O deputado felicitouse porque “fomos quen de conseguir todo isto cando só levamos catro anos gobernando, facendo que cada edición superase á anterior en calidade e en número de participantes. Se houbese que pórlle nota, sería sobresaliente” e valorou positivamente que “a maioría de mulleres entre as persoas que participan é tamén algo do que alegrarse”.

Carlos Font sinalou que “este certame foi un acerto para quen consolidaron as súas ideas emprendedoras e para quen xa as tiñan en desenvolvemento”, e asegurou que “no showroom que tivo lugar en maio xa fomos conscientes da fortaleza dos proxectos e da paixón que lles estades poñendo todas e todos vós”. Agora, dixo, “anímovos a que contedes o que aconteceu aquí para que se vaia formando un ‘boca a boca'” e que “haxa efecto chamada entre as persoas que non deron o paso aínda, pero que xa levan tempo coa idea de emprender na cabeza”.

O deputado provincial agradeceu a Javier Benito da EOI “que se desprazase expresamente desde Madrid para asistir a este acto, o que dá mostra da importancia que desde a EOI lle outorgan ao acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra”, e tamén ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes. “Agradézoo de forma moi sincera pola colaboración absoluta, un exemplo de como traballar entre institucións”, asegurou López Font, que puxo o foco no fincapé do alcalde “por que este viveiro de empresas, o xermolo para pasar despois ao polígono, sexa un éxito”.

A xornada DemoDay. Emprendendo cara ao Futuro tivo como obxectivo principal dar a coñecer os proxectos participantes na terceira edición do coworking de Barro, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a EOI. Deste xeito, desde febreiro e ata hoxe un grupo de 22 emprendedoras e emprendedores (14 mulleres e 8 homes) ocuparon un espazo gratuíto no viveiro de empresas de Barro, onde recibiron acompañamento individualizado e 100 horas de accións formativas específicas para garantir o éxito dos seus proxectos. Durante a xornada, tamén puideron asistir a unha conferencia a cargo de Sandra Villar, fundadora da empresa ‘Boina galega’, que recibiu o ano pasado o premio Emprende Gaiás Sixto-Seco e participou nun coworking tamén impulsado pola EOI en Santiago de Compostela.

Na terceira edición do coworking de Barro impulsáronse proxectos relacionados maioritariamente cun sector estratéxico para a provincia de Pontevedra: o turismo. Ademais, outros vencellados á moda, gastronomía, fotografía, comunicación, psicoloxía ou á actividade física. Presentáronse en dous bloques: “Turismo e sustentabilidade” e “Servizos a pemes e cultura”. Os 20 proxectos son: “AT Gestión”, de Adriana Rodríguez, “Rooteiro”, de Andrés Rodiño, “A Casa da Carballeira”, de Beatriz Bergueiro, “Pasaporte Rural”, de Betty ‘das Neves’ Gil, “Culebra Studio”, de Cecilia Paredes, “Dedicate Home”, de Cristina Iriso, “Mundo Escénico”, de Daniel Amós, “Tribuaventuras”, de Diana Nogueira e Eva García, “Prixma”, de Fernando López, “Herbas do Crego”, de Fernando Romariz, “José Gadea Fotografía”, de José Gadea, “Márketing con Iris”, de Laura Guillén, “Habla y Convence”, de Lucero Dámaso, “A batea do mercado”, de María Casas, “Xouxere”, de María Rodríguez, “Lía B”, de Olalla Borrego, “Materialdefisioterapiaonline”, de Pedro Cubela, “Xacobleas”, de Pilar Alonso, “IDIGAL”, Santiago Iribarren y, por último, “Huella Menguante”, de Sonia Magariños. Esta foi a terceira das catro edicións coas que conta o proxecto, que botou a andar no mes de novembro de 2017.