O CPI Julia Becerra Malvar contará con preto de 1.000.000 € para a súa reforma

Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Ribadumia

O CPI Julia Becerra Malvar contará con preto de 1.000.000 € para a súa reforma

O pasado luns, representantes da Administración autonómica puxéronse en contacto co alcalde de Ribadumia, David Castro, para confirmar definitivamente o investimento que a Consellería de Educación vai levar a cabo no ano 2020 nas instalacións do CPI Julia Becerra Malvar.

Este investimento, ademais de responder a unha demanda reiterada tanto da comunidade educativa coma dos pais e nais dos alumnos, concreta finalmente as xestións realizadas por David Castro ó longo da última lexislatura en distintas reunións na Delegación Provincial de Educación, nas que se solicitou unha reforma integral das instalacións do CPI, sobre todo no que se refire ó cambio de cuberta e carpintería exterior, substitución de alicatados e solos e modernización dunhas instalacións que sobrepasan xa os 50 anos desde a súa construción.

Así mesmo, tal e como se puxo de manifesto o pasado mes de maio na súa presentación, estas obras de rehabilitación e reforma do centro educativo son o paso previo que se lle esixía á Consellería de Educación para poder levar a cabo o proxecto de reforma do contorno do CPI, proxecto que inclúe a creación dunha dársena para os autobuses escolares, un patio cuberto exterior, a remodelación do pavillón e do campo de fútbol municipais anexos e un novo edificio de usos múltiples, obras que xa iniciou o actual equipo de goberno do Concello de Ribadumia o pasado mes de xullo coa humanización da rúa Valle Inclán e do contorno da gardería municipal.

Segundo a relación de proxectos de gasto incluída nos orzamentos para o ano 2020, o investimento recollido no capítulo 6 para o CPI Julia Becerra Malvar ascende a algo máis de 974.500€, repartidos nas seguintes partidas:

• 201500308 – Adquisicións equipamento infantil e primaria: 5.278,00€.

• 201900064 – Rehabilitación integral e funcional centros educativos: 966.825,00€.

• 201500310 – Adquisición equipamento secundaria e FP: 2.424,00€.

Finalmente, desde o Concello de Ribadumia vaise solicitar unha reunión cos responsables técnicos da Consellería de Educación para que se lle presente o proxecto previsto á comunidade escolar co fin de intentar consensuar e concretar o proxecto coas posibles suxerencias que desde a mesma se poidan facer, así como para asegurarse de que as obras se van levar a cabo durante o período de vacacións escolares e de que estarán rematadas no inicio do vindeiro curso escolar para que non se produzan situacións como as que este ano están a acontecer noutros centros educativos da comarca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.