O CSIC celebra mañá en Vigo un seminario sobre “A historia social do poder na Idade Media galega”

O relator é Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor de investigación do CSIC, director do IEGPS e delegado institucional do CSIC en Galicia.
Publicado por o día 04/10/2018 na sección de CSIC

O CSIC celebra mañá en Vigo un seminario sobre “A historia social do poder na Idade Media galega”

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas ( IIM), continúa mañá, venres 5 de outubro, en Vigo, co ciclo de seminarios científicos do segundo semestre de 2018. Ás 11.00 horas na aula do IIM (Eduardo Cabelo, 6, Vigo) Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Estudos Galegos “Pai Sarmiento”, centro mixto do CSIC e a Xunta de Galicia con sede en Santiago de Compostela, disertará sobre “A historia social do poder na Idade Media galega: achegas recentes desde o IEGPS”.

Eduardo Pardo de Guevara e Valdés (Ponteceso, 1952) é doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid (1984). Exerceu a docencia universitaria na cátedra de Paleografía e Diplomática da UCM. En 1988 ingresou por oposición no CSIC, exercendo como científico titular na Institución “ Milá i Fontanals” (Barcelona) e, máis tarde, no Instituto de Historia (Madrid). En 1994 incorporouse ao IEGPS (Santiago de Compostela), ascendendo sucesivamente a investigador científico (2002) e a profesor de investigación (2008). Desde 1994 é director deste último centro, onde ademais coordina o grupo de investigación Historia e Patrimonio ( GHyP), que en 2002 xa foi recoñecido como grupo de excelencia pola Xunta de Galicia. Desde febreiro de 2012 é delegado institucional do CSIC en Galicia.

O IEGPS creouse en 1943 como un centro de investigación propio do CSIC. Desde o ano 2000 é un centro de carácter mixto, ou titularidade compartida, do CSIC e da Xunta de Galicia. Ao longo da segunda metade do pasado século, o seu campo de actuación abarcou as distintas disciplinas humanísticas, con referencia sempre a Galicia, destacando o seu labor no desenvolvemento de proxectos de investigación, así como na promoción e dinamización cultural. Na actualidade, as súas actividades concéntranse no ámbito da Historia, desde a Idade Media á Contemporánea, destacando entre as súas principais liñas de investigación os estudos sobre o parentesco e as redes de poder na Idade Media, as fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas, ou o fenómeno das peregrinacións. Dispón dunha das bibliotecas especializadas máis importantes de Galicia. Son moi significativos os seus fondos antigos, sobre todo prensa local e a bibliografía histórica española, especialmente galega, e portuguesa. Conta, así mesmo, cunha importante sección de manuscritos, entre os que destacan algúns arquivos de especial relevancia para a historia contemporánea de Galicia.

“A historia social do poder pode abarcar perspectivas moi variadas. Desde o IEGPS os nosos empeños son principalmente de carácter xenealóxico e heráldico, por canto que naquel período histórico a vida das persoas non estaba determinada polo mérito, que era cuestión secundaria, senón polo nacemento. De aí a importancia de indagar no retrato social dos individuos”, apunta Eduardo Pardo de Guevara e Valdés.

O programa deste semestre

O ciclo de seminarios científicos do IIM, que se celebra anualmente desde 2014 cun programa semestral, defínese polo seu carácter multidisciplinar. Está coordinado por Beatriz Novoa García, xefa do grupo Inmunología e Xenómica do IIM.

Os próximos seminarios previstos son:

19 de outubro. Leonor Parcero López (Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica): “Ciencia e comunicación, divulgación e cultura”.

9 de novembro. Marta López Cabo (Instituto de Investigacións Mariñas, CSIC): “Seguridade microbiológica dos alimentos”.

30 de novembro. María Gasset (Instituto de Física Química Rocasolano, CSIC): “Amiloides alimentarios”.

14 de decembro. Beatriz Novoa García (Instituto de Investigacións Mariñas, CSIC): “Xenómica para todos os públicos: Xenomas, xenes, epigenética, transxénicos, Crispr…”