O CSIC e o Porto de Vigo apostan pola biobancarización do medio mariño como un recurso innovador na estratexia de crecemento azul

O crecemento azul é a estratexia europea a longo prazo de apoio ao crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo. Recoñece a importancia dos mares e océanos como motores da economía europea polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento. Actualmente, a economía azul representa 5,4 millóns de postos de traballo e un valor engadido bruto anual de case 500.000 millóns €. Este recoñecido crecemento, sinalado na Estratexia 2020, pode fortalecerse a través dunha serie de medidas e actividades específicas recollidas na Política Marítima Integrada, por exemplo unha mellora do coñecemento mariño, da vixilancia marítima integrada, ou da biotecnoloxía mariña.
Neste contexto de crecemento baseado no coñecemento e a innovación xorden novas ideas e oportunidades que poden contribuír ao progreso económico, moitas delas relacionadas co desenvolvemento e/ou aplicación de novas tecnoloxías e infraestruturas. Os procesos de biobancarización dos diferentes compoñentes do ecosistema mariño, apoiados en infraestruturas singulares, ofrecen potencialmente moitas vantaxes para mellorar o noso coñecemento do medio mariño, así como para fortalecer os sistemas de monitoraxe e alerta ambientais, ou como ferramentas na bioprospección de recursos naturais de interese biomédico e biotecnolóxico.
A Unidade Técnica de Biobanco do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) organiza xunto co Porto de Vigo unha xornada na que se pretende evidenciar algunhas das aplicacións blue growth na translación do concepto de biobancarización ao medio mariño, a partir de casos de éxito que dan resposta a algúns dos retos sociais definidos na Estratexia europea 2020. A xornada terá lugar o xoves día 30 de maio a partir das 9,00 h. no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria (Peirao de Transatlánticos, 362002 Vigo).

A biobancarización no medio mariño

Nesta xornada Cristina Villena, Coordinadora da Rede Nacional de Biobancos presentará os retos e oportunidades dos biobancos e a preservación de mostras e datos asociados nas infraestruturas de biobanco. Fernando Reyes da Fundación Medina de Selecta mostraranos a importancia e oportunidade de comprender o proceso da biobancarización no descubrimento e desenvolvemento de novos compostos mariños bioactivos, mentres que Josep Gasol do Centro Mediterráneo de Investigacións Mariñas e Ambientais (CSIC), de Barcelona, fará unha prospectiva da potencialidade de Preservación de recursos mariños procedentes das expedicións globais. Por outra banda, José Luis Gómez Pinchetti, do Banco Español de Algas de Las Palmas de Gran Canaria, permitiranos comprender a utilidade do banco español de algas e o potencial biotecnolóxico da súa colección, e Mª Beatriz González Sánchez da Universidade de Vigo, presentará os criterios económicos de sustentabilidade dos biobancos.

A aposta do Instituto de Investigacións Mariñas pola biobancarización dentro dunha estratexia da calidade e seguridade alimentaria no ámbito dos produtos pesqueiros

Desde hai unha década, dentro da demanda da sociedade dunha xestión eficiente do coñecemento, o Instituto de Investigacións Mariñas potenciou a translación da evidencia científica nun formato interoperable para o sector. Sobre este obxectivo, a Unidade Técnica de Biobanco (IIM-CSIC) optou por unha aproximación nova que permite a optimización dos recursos e unha mellora das sinerxias con centros de investigación, sector industrial e a administración. A partir do coñecemento adquirido neste período, o IIM fará dúas presentacións nesta xornada. Por unha banda, Francisco Saborido, Director do IIM-CSIC introduciranos no mundo da bioancarización dos produtos da pesca e Santiago Pascual fará a presentación en sociedade da Marca SmartFip, unha aproximación que inclúe a biobancarización da calidade e seguridade alimentaria no peixe. SmartFip é un novo sistema privado de control voluntario, froito da especialización intelixente no proceso de inspección de parasitos en produtos da pesca. Está baseado nunha aproximación menos punitiva sobre o produto e máis proactiva (“Smart”) sobre o
sistema produtivo. Ten un enfoque de cadea de valor e análise de risco: a) implanta unha cadea confiable durante a inspección, e b) un sistema de categorización para a toma de decisións e solucións técnicas ou alimentarias.
Con esta iniciativa, o IIM (CSIC) aúna esforzos, intereses e coñecementos co labor de trasladar toda a evidencia científica ao produto para mellorar a excelencia de servizo ao cliente, reducindo a presenza de contaminantes biolóxicos nos lotes comerciais capitalizando a organización mediante a educación sanitaria dos seus empregados e dos seus clientes.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM