O Cunqueiro conta cun novo microscopio electrónico para anatomía patolóxica

O novo equipamento, que substituirá ao actual, está en fase de licitación por un importe de 400.000 euros
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Cunqueiro conta cun novo microscopio electrónico para anatomía patolóxica

O Servizo Galego de Saúde ven de licitar a adquisición dun novo microscopio electrónico para o Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, por un importe de 400.000 euros. Este novo equipamento virá a substituír ao actual, unha vez este rematou a súa vida útil.

Con este microscopio se realizan estudos diagnósticos de alta complexidade, fundamentalmente biopsias de músculo, nervio periférico e renais. Anualmente efectúanse arredor de 150 estudos non só da área sanitaria de Vigo, xa que tamén se atenden ás solicitudes doutras áreas sanitarias galegas.

Trátase dun aparello que permite realizar estudos morfolóxicos moi precisos, coa posibilidade de aumento de 900.000x, mentres que os microscopios ópticos convencionais achegan un aumento máximo de 1.000x. A posibilidade de observar tecidos a tan grande aumento facilita o diagnóstico de determinadas patoloxías, principalmente nefropatías, enfermidades de depósito ou trastornos neuromusculares pouco frecuentes, que no son detectables co microscopio óptico.

Segundo afirma a técnico especialista responsable deste microscopio, Soraya Barrera “o novo microscopio será mais rápido, potente, e cunha manobra máis sinxela, cunhas prestacións dixitais que permiten unha interpretación moi certeira e precisa das imaxes”. As facultativos implicadas na microscopía electrónica son Carmen Fachal (patoloxía renal) e Beatriz San Millán (patoloxía neuromuscular).

Precisamente, este microscopio é un dos aparellos que máis expectativa xenera entre os grupos de estudantes de Técnicos en Anatomía Patolóxica que periodicamente achéganse ao Servizo de Anatomía Patolóxica como complemento á súa actividade de formación. O obxecto destas visitas é coñecer in situ algunhas das instalacións onde se realizan técnicas que son referencia para as áreas sanitarias do Sur de Galicia e mesmo para todo o ámbito do Servizo Galego de Saúde.

Máis de 62.000 mostras de biopsias

O xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, Joaquín González Carreró, afirma que “trátase dunha especialidade de escaso contacto cos pacientes aínda que a súa actividade é fundamental na obtención e confirmación dun diagnóstico definitivo na maioría das patoloxías, sendo ademais o maior condicionante das indicacións terapéuticas”.

O Servizo, emprazado na planta segunda do Bloque Técnico, dispón de doce salas de laboratorio, unha consulta para puncións citolóxicas, sala de autopsias e unha ampla área de despachos e salas de traballo. Tamén conta con una pequena área no Hospital Meixoeiro, destinada a atender a patoloxía mamaria.

O cadro de persoal está integrado por 55 profesionais: 16 médicos especialistas, unha coordinadora, 7 médicos residentes, 27 técnicos especialistas e 4 administrativos.

No referido a súa actividade, anualmente validan 62.000 mostras de biopsias, das que máis de mil son biopsias intraoperatorias, que se efectúan no momento da intervención do paciente. Son probas diagnósticas de gran importancia, xa que ás veces, as decisión terapéuticas do cirurxián dependen dun diagnóstico patolóxico inmediato. Isto é, segundo sexa o resultado da biopsia, se é maligna ou benigna, e o seu alcance, o cirurxián realizará unha abordaxe máis invasiva ou conservadora. “Dispoñemos dun circuíto urxente para a realización deste tipo de probas intraoperatorias e, cun método de procesado de dez minutos, os patólogos estudamos a mostra e realizamos un informe que se comunica de xeito inmediato o cirurxián que está en quirófano”, explica o doutor Carreró.

Ademais, rexistran 31.000 citoloxías anuais; a maioría delas son mostras xinecolóxicas procedentes dos centros de saúde de Atención Primaria.

Tamén practican 90 autopsias no hospital, que son solicitadas polos facultativos ou polos familiares da persoa falecida (as realizadas por orde xudicial non se inclúen nesta cifra porque as realiza o Imelga).

Cerebros

Na súa carteira de servizos cómpre subliñar a Neuropatoloxía, que é referencia para toda Galicia nas probas de enfermidades priónicas (enfermidade de Creutzfeldt-Jakob e variantes), e conta con o único Banco de Cerebros de Galicia.

Nese senso, aos laboratorios do Álvaro Cunqueiro chegan cerebros de todas as áreas sanitarias galegas. Antes de iniciar o proceso, extráese unha parte para realizar as análises e o resto do cerebro consérvase no Biobanco, que depende do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Comentar noticia

Your email address will not be published.