O curso escolar comeza con normalidade en Galicia para case 104.000 alumnos de Infantil, Primaria e Educación Especial

O seguimento da folga de docentes foi de só o 12,16%
Publicado por o día 10/09/2020 na sección de Educación,Galicia

O curso escolar comeza con normalidade en Galicia para case 104.000 alumnos de Infantil, Primaria e Educación Especial

O curso escolar comezou hoxe con normalidade para 103.884 alumnas e alumnos de Infantil, Primaria e Educación Especial, segundo o calendario escalonado marcado este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para facilitar a volta ás aulas no contexto da pandemia. Mañá incorporaranse aos centros outros 90.337 estudantes, ata sumar os 194.221 nenas e nenos matriculados nestas etapas, un 1,3 % menos ca no curso 2019/20.

Nestas dúas xornadas tamén comezarán a impartir clase os 240 mestres contratados a maiores este ano para dar resposta ás 158 unidades de Infantil e Primaria máis coas que conta este ano o sistema educativo galego, como consecuencia do reforzo realizado para atender os desdobres derivados da adaptación ás medidas necesarias por mor da covid-19.

Seguimento da folga

No día de comezo das clases, no que o persoal docente estaba convocado á folga, o paro foi seguido polo 12,16% dos mestres. Por provincias, secundaron a folga un 13,26% de mestres na Coruña, un 7,31% en Lugo, un 10,13% en Ourense e un 12,24% en Pontevedra.

Neste sentido a Xunta quere agradecer a responsabilidade dos docentes, que na súa gran maioría acudiron hoxe ao seu posto de traballo para contribuír a darlle normalidade ao inicio do curso escolar. Tamén cabe destacar que se cumpriron sen incidencias os servizos mínimos marcados, que foron avalados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun auto no que se considera que todo o persoal cuxa presenza se fixou como esencial na orde de servizos mínimos “amósase absolutamente necesario e indispensable “.

Tal e como se vén destacando desde o departamento educativo do Goberno galego, nunhas circunstancias excepcionais nas que o papel de cada membro da comunidade educativa é fundamental para sacar adiante con éxito o curso académico preservando, á vez, a seguridade sanitaria e a calidade educativa.

Adiamento por obras

Só 8 centros non puideron comezar hoxe as clases por mor das obras que se están desenvolvendo nas súas instalacións.

Na provincia da Coruña trátase do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira), mentres que na de Lugo non abriu as súas portas o Centro de Educación Especial (CEE) Infanta Elena (Monforte de Lemos) e na de Ourense retrasou o seu inicio o CEE Miño. Estes tres centros iniciarán as clases o vindeiro luns 14 de setembro.

Na provincia de Pontevedra o comezo está adiado ata o día 16 de setembro no CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga), no CEIP do Carballal (Marín), no CEE de Pontevedra (Pontevedra), no CPI da Cañiza (A Cañiza) e no CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa).

Comentar noticia

Your email address will not be published.