O curso escolar comeza nas catro provincias galegas para preto de 196.900 alumnos de educación especial, infantil e primaria

O alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María da Fonsagrada iniciou a actividade nas instalacións do IES para maior tranquilidade das familias, aínda que o luns as retomarán no colexio
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de Educación,Xunta de Galicia

O curso escolar comeza nas catro provincias galegas para preto de 196.900 alumnos de educación especial, infantil e primaria

O curso escolar 2019/20 comezou hoxe con normalidade nas catro provincias galegas para preto de 196.900 alumnas e alumnos de Educación Especial, Infantil e Primaria, segundo os datos compilados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través das súas catro Xefaturas Territoriais.

Unicamente nun caso, no CEIP Plurilingüe Santa María (A Fonsagrada) e aínda que a obra de rehabilitación integral estaba rematada no interior do centro, a Xefatura Territorial de Lugo tomou a decisión de comezar as clases nas instalacións do IES Plurilingüe Fontem Albei, que se atopa moi preto do colexio. O próximo luns día 16 o alumnado de Infantil e Primaria volverá ás instalacións do CEIP, ao tempo que os de Secundaria comezan as clases no IES. Esta medida tomouse para maior tranquilidade das familias, ao non existir ademais inconvenientes pola proximidade entre os dous centros.

Por outra banda, as familias do CEIP de Cervo decidiron non enviar as alumnas e alumnos ao centro na xornada inicial, por non estar de acordo coa evolución das obras de eficiencia enerxética. A Consellería garante que as aulas están listas – e xa o estaban esta mañá- para que os escolares inicien as clases, tal e como se lles transmitiu ás familias.

No resto dos centros a xornada desenvolveuse sen incidencias. Así mesmo, comezou a funcionar sen problemas o transporte escolar, co que este curso se prestará servizo –segundo as estimacións provisionais- a 88.054 alumnas e alumnos de 776 centros públicos.

A Consellería non ten constancia de incidencias no servizo do comedor, do que gozarán este ano académico un total de 76.987 usuarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.