O debate do Estado da Autonomía confrontará o goberno “esgotado” de Feijóo coa alternativa de goberno que representa Gonzalo Caballero

Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Política,PSOE

O debate do Estado da Autonomía confrontará o goberno “esgotado” de Feijóo coa alternativa de goberno que representa Gonzalo Caballero

O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que o PSdeG empregará o debate do Estado da Autonomía para ofrecer unha alternativa de goberno fronte a un Feijóo que “quedou sen proxecto”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que convocou o debate para a próxima semana, no “momento máis favorable para os intereses de Feijóo dentro do marco regulamentario”.

Anunciou que o obxectivo dos socialistas é que o da próxima semana sexa “o último debate de política xeral de Feijóo como presidente da Xunta”, xa que o próximo ano haberá eleccións autonómicas. Constatou que Feijóo terá que responder tanto dos seus primeiros 7 anos, cómodo nos recortes, como da súa “incapacidade de poñer en marcha a continuación unha alternativa para a recuperación do Estado do Benestar e pechar as feridas abertas pro aqueles axustes”.

Sinalou que “prefería a situación de penuria inicial que debater sobre os proxectos a poñer en marcha”, nos que se demostrou “esgotado” e “incapaz de ofrece un horizonte de futuro e esperanza para recuperar o Estado do Benestar e o emprego”. Como exemplo, puxo a recente inauguración do curso universitario, onde quedou na advertencia de que non habería máis financiamento, pero “detrás non hai ningún proxecto, nada articulado”.

Os socialistas galegos, sinalou, son “a referencia fronte á dereita”, xa que “calquera proxecto de cambio en Galicia pasa polo PSdeG”, e por iso utilizarán o debate como “un instrumento para facer un balance realista dos éxitos e fracasos da Xunta”. Tamén a empregarán, explicou, como o marco para sinalar “que queremos facer con esta nave”, incluíndo as “reivindicacións necesarias ao goberno de España, pero conscientes do marco legal”.

O momento máis favorable

Leiceaga apuntou que o presidente da Xunta escolle a data con coidado para atopar “o momento máis favorable –para os seus intereses- dentro do marco regulamentario”, e fronte a un marco político marcado pola investidura ou convocatoria electoral. A situación actual, así, permítelle confrontar cun goberno en funcións e “cunha man atada ás costas”, e que el sabe que non pode regularizar as entregas a conta nin o IVE pendente logo do veto aos Orzamentos polo mesmo PP.

O portavoz socialista explicou ademais que ao acelerar o debate, o presidente da Xunta pretende “desvincularse da estratexia de Casado” de sumar á estrema dereita ao seu proxecto, como fixo en Andalucía ou Madrid, uns pactos que, lembrou, “foron avalados por Feijóo”. Pediu así “atender ás cuestións que pasan e non a meras proclamas retóricas” dun presidente da Xunta que proclama a súa distancia con Vox ao tempo que respalda os pactos do seu partido con ese mesmo partido.

Fernández Leiceaga reclamou neste sentido “firmeza e determinación” nas políticas contra a discriminación e violencia contra as mulleres fronte ás políticas da dereita radical. O responsable socialista comezou a súa intervención de hoxe condenando de forma “firme e rotunda” o “horrendo crime machista” de onte en Valga, e dirixiu a mirada cara á familia e á difícil situación dos nenos da parella.

Reivindicou un “esforzo entre todos” para afrontar un asunto “global moi difícil”, e chamou á “máxima mobilización social para que as institucións reaccionen con toda a capacidade e eficacia de que son capaces” na loita contra a lacra da violencia machista.