O Departamento de Filoloxía Galega e Latina acaba de sacar do prelo o terceiro volume da revista Cumieira, cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, un número co que saen á luz pública cinco traballos que abordan temas variados como o conflito lingüístico na educación, a supervivencia da mitoloxía clásica na literatura galega, o ensino de galego como lingua estranxeira, un exercicio de literatura comparada na obra poética de Johán Carballeira e un estudo historiográfico dos traballos que abordaron a fala dialectal do Morrazo.
“A chegada deste novo número da revista significa que a publicación se vai asentando”, explica o profesor Xosé A. Fernández Salgado, editor da revista, ao tempo que lembra que a publicación naceu co fin de dar a coñecer os traballos académicos dos investigadores e investigadoras máis novos do ámbito da Filoloxía Galega, “entendida esta nun senso amplo, procedentes de traballos de fin de grao e mestrado, ou doutro tipo de investigacións”.
Cinco traballos tematicamente moi variados
Este terceiro volume, como tamén os anteriores, contén traballos tematicamente moi variados. O primeiro, asinado por Estela Suárez, expón a experiencia da autora na aplicación dunha unidade didáctica que perseguía facerlle ver a alumnado de bacharelato de Vigo as desigualdades lingüísticas en zonas onde o uso do galego é case anecdótico. Segue o traballo de Paloma García, no que analiza a utilización do mito grego na obra poética de Álvaro Cunqueiro e as posibles fontes clásicas para a súa reelaboración textual. Pola súa parte, partindo da súa experiencia como lector en Croacia, Alejandro Martínez achega un estudo de gramática contrastiva galego / croata e reflexiona sobre os problemas do ensino do galego como lingua estranxeira. A perspectiva comparada foi a adoptada por Gonzalo García no seu traballo sobre a obra poética de Johán Carballeira, co que quere pór de manifesto as relacións artísticas entre a literatura e disciplinas como a arquitectura, a pintura e a música. No último traballo do volume, Sara Martínez leva a cabo unha compilación e análise historiográfica sobre os estudos lingüísticos existentes (teses, memorias de licenciatura, artigos, publicacións escolares, programas de festas…) que describen ou recollen a variedade lingüística dialectal falada na pontevedresa península do Morrazo.
Por primeira vez participan autores doutras universidades
“Neste número é a primeira vez que participan autores doutras universidades, en concreto da de Zadar, de Santiago de Compostela e da Complutense de Madrid, amais da de Vigo”, explica Fernández Salgado, quen recalca que se están facendo chegar exemplares ás principais bibliotecas estatais e portuguesas, e cando menos este número xa chegou a Croacia. Nesta liña desde o departamento explican que Cumieira aparece xa recollida na base de datos Dialnet, no Catálogo Italiano del Periodici ACNP e en Linguistic Bibliography. Nos dous volumes anteriores -2016 e 2017- os e as participantes foran maioritariamente estudantes de grao ou mestrado da propia Universidade de Vigo, pero as páxinas de Cumieira están abertas a calquera novo investigador ou investigadora no ámbito da lingua ou literatura galegas, así como lusófonas ou doutras linguas, sempre que resulten de interese para o galego.
“No proceso de selección temos en conta, sobre todo, a calidade do traballo e o tema”, explica o editor. A maioría dos traballos que se publican teñen a súa orixe en Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Máster que recibiron moi boa nota, polo que iso xa se considera como un indicio de calidade. “Aínda así, antes de os publicarmos, esiximos que os autores ou autoras ós adapten ao formato dun artigo académico e que incorporen as indicacións e correccións feitas polos membros do tribunal que os xulgaron e tamén polos revisores da propia Cumieira”, recalca Fernández Salgado, quen explica que nesta ocasión formaron parte da Comisión de revisión científica os docentes X.-Henrique Costas, Ana Iglesias, Manuel Forcadela e, el mesmo. “Así mesmo, tamén quero agradecer a Antón Palacio a corrección do volume e a Benigno F. Salgado, a revisión da versión inglesa dos abstracts”.
As persoas interesadas en consultar a versión dixital da revista poden consultala na web do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. De momento aínda non está colgado este número, pero estarao nos próximos días.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.